Saturday 16 de November de 2024

O Morriña Fest convértese nun dos grandes acontecementos musicais na historia da cidade, con 20 horas de directo en Riazor e artistas de primeira liña entregados aos 50.000 asistentes


O estadio encheuse para gozar dun festival marcado pola variedade das propostas, a diversidade de públicos e a ausencia de incidentes, con momentos culminantes como o público coreando ‘Hawái’, con Maluma ou a catarse de ‘I gotta feeling’, co que Black Eyed Peas rematou o seu concerto

Inés Rey destacou que a carga simbólica de volver a Riazor 29 anos despois, xunto coa calidade do cartel, a complicidade dos artistas co público, o comportamento cívico dos asistentes e o labor de organizadores e efectivos de seguridade foron os ingredientes do éxito deste evento

Riazor foi escenario dunha fin de semana histórica, coa volta dos grandes eventos musicais ao estadio da man do Morriña Fest. En torno a 50.000 persoas gozaron durante dous días dos 11 concertos programados e preto de 20 horas de música, ademais das seis actuacións de balde que se celebraron no Andén de Riazor. Os máximos picos de afluencia, co estadio cheo tanto nas gradas como na pista, coincidiu cos concertos dos principais cabezas de cartel, Maluma o venres 15 e Black Eyed Peas onte sábado.

Asistentes e organizadores destacaban ao remate do festival a emoción no ambiente, co estadio cheo e unha gran entrega do público, que non deixou de saltar, bailar e corear os temas dos seus artistas e grupos favoritos. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, salientou a gran carga simbólica que tivo o feito de volver ao estadio para unha gran cita musical despois de 29 anos, engadindo que a calidade do cartel e a complicidade dos artistas co público foron os ingredientes esenciais para o éxito dun evento que pasará á historia. Tamén se mostrou moi satisfeita pola ausencia de incidentes, o comportamento cívico de todo o público presente e o excelente labor tanto do persoal de organización e apoio como dos servizos e efectivos de seguridade. Ademais, destacou o éxito da sesión vermú promovida polo Concello da Coruña para apoiar a os artistas e bandas locais.

No Morriña Fest participaron destacadas figuras internacionais xunto con grupos e artistas nacionais, que propiciaron unha gran diversidade de estilos e xéneros, o que permitiu que o público fora tamén moi variado, tanto en gustos musicais como en franxa de idade. O festival comezou na tarde do venres 15 coa actuación de Vega, que estivo acompañada polo músico galego Budiño e se amosou emocionada de ser a encargada de facer soar Riazor despois de tanto tempo. A seguinte actuación foi a de Funzo & Baby Loud, que puxeron a cantar a todo o estadio amosando unha gran complicidade co público. Viva Suecia aportou o contrapunto ao caer da tarde co seu indie rock que encantou ao máis fieis da banda murciana, que deu paso á espectacular montaxe de Lola Índigo, que triunfou entre o público máis novo con elaboradas coreografías e unha traballada posta en escena. Un dos momentos culminantes da xornada foi a actuación de Maluma, que non deixou de interactuar co público mentres cantaba os temas máis coñecidos do seu repertorio, logrando que miles de persoas corearan enteiros a capela temas como ‘Hawái’. A xornada do venres rematou con Crystal Fighters, que destacou polo seu potente e divertido directo, que puxo a bailar a todo o público ata pasadas as dúas da madrugada.

A xornada do sábado abriuse coa compositora e pianista Belén Aguilera, con momentos moi especiais como como a interpretación de ‘No One’, de Alicia Keys, primeiro tema que a artista catalana cantara nun escenario. Intimismo que contrastou coa seguinte actuación, na que a música electrónica irrompeu en Riazor na excelente sesión do DJ belga Lost Frequencies, que puxo a botar ao público de todas as idades. O momento máis íntimo chegou co coruñés Xoel López, que fixo unha homenaxe ao Deportivo da Coruña lucindo a camiseta do equipo e emocionando ao público con ‘Tierra’ e outros clásicos do seu repertorio. Duki, a voz líder do trap arxentino, desatou ao público máis novo cun potente directo. O tramo final comezou con Ozuna, que se volcou no seu concerto cun entusiasmo que lle levou incluso a superar o tempo estipulado, ante a ovación das miles de persoas que corearon e, sobre todo, bailaron os seus temas.

Antes do excelente broche ao Morriña Fest coa banda escocesa de rock alternativo Franz Ferdinand, o momento de catarse, que será un dos máis recordados do Morriña Fest, foi a irrupción no escenario de Black Eyed Peas. A banda estadounidense de pop e hip hop fixo maxia cunha elaborada e espectacular posta en escena e unha equilibrada actuación coral alimentada polo coñecemento do idioma dos seus integrantes, que lanzaron numerosas mensaxes facendo bailar e corear ao público, rendido ao tema final, o mítico ‘I gotta feeling’.