A mostra, que é un dos eixos centrais do Ano Internacional María Casares, continuará aberta ata o 25 de xullo
Despois do esforzo organizativo que supuxo a coordinación e montaxe da Exposición ‘María Casares, actriz océano’ o Concello da Coruña edita o catálogo correspondente coa intención de perpetuar os documentos e as imaxes gráficas da vida da actriz no patrimonio cultural da cidade.
Neste libro de 124 páxinas, fotografíanse e documentan todos os materiais que compoñen a mostra expositiva. Estes materiais foron cedidos por 40 organismos, arquivos e entidades para constituír esta primeira exposición sobre a actriz.
A publicación supón a primeira compilación gráfica sobre María Casares e recupera moitos documentos inéditos que a partir de agora poderanse atopar publicados e contextualizados polos comentarios da comisaria María Lopo. Este catálogo constitúe, xa de por si, un importante documento memorialístico de referencia na divulgación da vida da actriz e por extensión do exilio republicano posterior ao 1936.
A edición esta a disposición gratuitamente de quen a solicite no propio Kiosco Alfonso ou na Casa Museo Casares Quiroga até fin de existencias.
Últimas semanas da exposición
A mostra ‘María Casares, actriz océano’, que pecha as súas portas o 25 de xullo, é o eixe central do Ano Internacional María Casares. Esta iniciativa do Concello da Coruña xorde coa intención de identificar á actriz coa súa cidade natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chega a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.
Entre os actos que se celebran, ademais desta mostra, destacan a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición itinerante polas bibliotecas municipais, un documental e un encontro internacional. O Goberno municipal de Inés Rey continúa deste xeito visibilizando ás grandes figuras femininas da cidade, como foi o caso, o pasado ano 2021, de Emilia Pardo Bazán.
Toda a información sobre este Ano internacional María Casares poderá consultarse a través da páxina web coruna.gal/mariacasares.