Friday 22 de November de 2024

Un total de 180 persoas poderán beneficiarse dos tres novos cursos de mariñeiro pescador que convoca a Xunta de Galicia na modalidade “online”


— Cada curso será tutelado por unha das tres escolas de ensino náutico-pesqueiro dependentes da Consellería do Mar e o período de prematrícula está aberto ata as 14:00 horas do próximo 5 de agosto

— Ofértanse 60 prazas por centro, a formación será entre o 13 de setembro e o 28 de outubro de 2022 e a súa duración é de 50 horas

A Consellería do Mar vén de convocar tres novos cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade online que terán lugar entre o 13 de setembro e o 28 de outubro de 2022 cunha duración de 50 horas e dos que se poderán beneficiar un total de 180 persoas. Cada unha destas accións formativas estará titorizada por unha das tres escolas de ensino náutico-pesqueiro da Consellería, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, a Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O período de inscrición para estes cursos, que contan con 60 prazas cada un, está aberto ata as 14:00 horas do próximo 5 de agosto. A relación de admitidos será establecida en función da hora e do día de prematrícula dos candidatos. Para realizar a prematrícula será necesaria a identificación mediante o sistema de usuario e clave chave365 ou un certificado electrónico. Toda a información sobre esta oferta formativa pode consultarse no apartado de teleformación da web da Consellería do Mar.

Os 60 admitidos en cada curso deberán matricularse no centro de ensino correspondente nun prazo de 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación da listaxe provisional de admitidos no portal web de formación da Consellería do Mar. Pode consultarse a documentación precisa para facelo no Anexo II da orde pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na comunidade.

Unha vez que remate o curso de teleformación realizarase un exame presencial en cada un dos centros dependentes da Consellería do Mar. Así mesmo, será necesario superar unha proba de natación o mesmo día do exame para poder presentarse á proba final.