Friday 22 de November de 2024

A Aldea de Verán merenda un bocadillo diferente e moi saudable


As nenas e nenos da Aldea de Verán de San Sadurniño comeron hoxe unha merenda de media mañá ben rica, ao tempo que descubriron canta variedade e calidade ofrece o noso mar. E é que esta mañá achegouse até o ximnasio do CPI o proxecto da Consellaría do Mar “Fai clic ao teu bocata” que lle explicou á rapazada por que as conservas de peixe e marisco son unha fantástica opción para meter no medio do pan. Por outra banda, o Concello acaba de publicar o listado de admisións da quenda de agosto. Aínda que se aceptaron todas as solicitudes, as familias teñen até o venres 22 para presentar alegacións. Desde Igualdade informan que aquelas que aínda non o fixesen deben ingresar o importe da matrícula na conta do consistorio en ABANCA: ES73-2080-0208-01-3110000059.

Á hora de facer o ingreso tense que facer constar no campo do concepto o nome e apelido do neno ou nena e tamén “mensualidade de agosto”, co obxectivo de facilitar a contabilización administrativa das matrículas que se vaian facendo.

No prazo aberto polo Concello para solicitar a inscrición -que rematou o martes- presentaron a documentación 18 familias, das cales desistiron cinco. Deste xeito serán un total de 13 cativas e cativos os que empecen na Aldea de Verán o día 1 de agosto co mesmo programa educativo e de lecer que se está levando a cabo neste mes de xullo, e cos horarios de entrada solicitados polas nais e pais.

Tres das peticións son para rapazada de San Sadurniño, outras catro proceden de familias que non viven aquí pero que teñen vinculación laboral co municipio, tres máis son de nenas e nenos con matrícula no CPI e as tres restantes non se axustan a ningunha das circunstancias anteriores e tiveron acceso directo porque había dispoñibilidade de prazas.

Fai clic ao teu bocata
E mentres se prepara a segunda quenda da Aldea, na primeira prosegue o programa de actividades. Hoxe a xente miúda participou nas actividades da campaña “Fai clic ao teu bocata”, promovida pola Consellaría do Mar para fomentar o consumo dos produtos do mar en conserva.

No obradoiro aprenderon que estes produtos enlatados son moi sans, que manteñen practicamente todas as propiedades nutritivas e, ademais, que están moi bos, algo que elas e eles mesmos puideron comprobar degustando bocadillos con distintas conservas e preparacións moi imaxinativas.

Ademais, ao remate da xornada, tamén levaron para a casa varios agasallos da campaña, dirixida á promoción dunha alimentación saudable entre a infancia e a mocidade.