Friday 22 de November de 2024

A Xunta investiu 22 millóns de euros en axudar economicamente a máis de 3.000 mulleres vítimas da violencia de xénero


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu no Parlamento galego para dar conta da valoración deste tipo de axudas entre os anos 2006 e 2014

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe no Parlamento galego que a Xunta ten investido 22.172.429 euros en axudas económicas que beneficiaron a 3.049 mulleres vítimas da violencia de xénero.

López Abella compareceu na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para dar conta do “Informe de valoración das axudas económicas para mulleres vítimas da violencia de xénero durante os anos da súa aplicación”, entre o 2006 e o 2014.

A a titular de Igualdade da Xunta explicou que existen tres tipos de axudas económicas: as periódicas, as de pagamento único e as indemnizacións. Destas, as máis cuantiosas son as primeiras, cun orzamento de 19.522.429 e 2.675 beneficiarias. Pola súa banda, as axudas de pagamento único beneficiaron a 351 vítimas con 2.310.000 euros, mentres que os 340.000 euros restantes dirixíronse a pagar 23 indemnizacións.

Durante a súa intervención, destacou que Galicia foi pioneira no Estado na articulación de axudas periódicas, hai xa dez anos, e que ata hai pouco eramos a única Comunidade Autónoma cunhas axudas directas ás vítimas. Ademais, tamén puxo en valor que en Galicia a media deste tipo de axudas é de 600 euros ao mes, o importe máis alto de entre as comunidades cunha axuda similar, como poden ser Andalucía, Estremadura ou Cataluña.

López Abella tamén subliñou que en Galicia é máis doado solicitar e percibir este tipo de axudas, xa a acreditación como vítima de violencia de xénero non só se ciñe a ter orde de protección, sentencia xudicial ou informe do Ministerio Fiscal, como noutras comunidades; senón que aquí tamén se pode pedir co testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da orde de protección ou medida cautelar ou a través de informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da administración autonómica ou local ou dos servizos de acollida.

Axudas periódicas
O obxectivo das axudas periódicas ás mulleres que sofren violencia machista é garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor, que lles posibiliten dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

As vítimas reciben por un período máximo de doce mensualidades unha achega que oscila entre os 300 e os 800 euros, en función dos seus ingresos, dos seus fillo/as menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables

O perfil maioritario das beneficiarias correspondese con mulleres das provincias da Coruña e Pontevedra -que representan o 75 por cento do total-, con idades comprendidas entre os 26 e os 45 anos e de nacionalidade española, nun 81 por cento dos casos. Ademais, o 63 por cento das mulleres que percibiron esta axuda tiñan fillos e fillas.

Axudas de pagamento único
Pola súa banda, as axudas de pagamento único están reservadas a mulleres vítimas de violencia de xénero que se sitúen nun determinado nivel de renda e sobre as que se presuma que pola súa idade, falta de preparación e circunstancias sociais, teñen especial dificultades para obter un emprego.

O perfil maioritario das beneficiarias volve a ser de mulleres das provincias da Coruña e Pontevedra, cun 79 por cento das axudas; con idades comprendidas entre os 26 e os 45 anos -o 73 por cento- e de nacionalidade española, nun 85 por cento dos casos. O 78 por cento das beneficiarias desta modalidade de axudas tiñan fillos e fillas.

Indemnización ás vítimas de violencia de xénero
A última modalidade está dirixida a aquelas mulleres que sofren violencia de xénero e/ou as e os menores ou persoas dependentes afectadas que non poidan percibir as indemnizacións que lles corresponden polos danos ou perdas causados, e que resultarán fixadas mediante sentenza xudicial ditada polos xulgados e tribunais galegos.