Inés Rey: “É a primeira vez que este torneo se celebra na cidade, pero serán moitos os anos que nos volvamos atopar no Parrote”
A presentación contou coa presenza do ex xogador de baloncesto Fernando Romay
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o Torneo Nacional de Baloncesto Herbalife 3×3 Series, que terá lugar hoxe e mañán no Parrote. Esta é a última cita antes do Máster de Barcelona, onde os equipos terán a oportunidade de posicionarse para gañar o título.
Á competición están convocados un total de 16 equipos, dez masculinos e seis femininos, chegados de diversos puntos de España. Os primeiros en debutar serán os equipos masculinos, que comezarán a disputar o título a partir das 18.20 h na primeira fase de partidos para pasar a cuartos de final. Pola súa banda, os equipos femininos comezarán o sábado ás 09.20 h da mañá coa primeira fase e xogarán a final ás 21.50 h. A final masculina será mañá a partir das 22.10 h. Ademais das competicións, o Torneo Nacional Herbalife 3×3 Series organizará un concurso de triplos así como varias actividades musicais, nunha atractiva cita deportiva orientada a todos os públicos.
Na presentación estiveron presentes a concelleira de Deportes, Mónica Martínez; Elisa Aguilar, ex-xogadora de baloncesto e representante da Federación Española de Baloncesto; e Fernando Romay, ex-xogador de baloncesto e medallista olímpico. A rexedora dedicou unhas palabras a Romay, Cabaleiro de Honra da Real Orde de María Pita, “por levar sempre o nome da nosa cidade polo mundo” e sinalou que “despois de xogar neste paisaxe único á beira do atlántico, outros moitos xogadores e xogadoras comezarán a levar o nome da Coruña por diante”.
Os equipos masculinos que disputarán este torneo son o Bàsquet Girona, 3×3 Pitius, UEMC 3×3, Mudanzas Martin Lara, THE INUTILES, Little ones, BSB 3×3, No Jump No Glory, Bavi Vilvoorde e Costa Ártabra; e os femininos Bàsquet Girona, Elite 3×3, Be Goat Team, La Magia, Hormigas locas e Panitas. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que entre os equipos femininos atópanse Aitana Cuevas, Marta Canella e Sandra Ygueravide do Bàsquet Girona, campionas de Europa no pasado verán. “Esta é a primeira vez que o torneo Herbalife 3×3 series se celebra na nosa cidade, pero estou segura que serán moitos os anos que nos volvamos atopar no Parrote para presentar este torneo” concluíu a alcaldesa.
Calendario do Torneo
Equipos Masculinos
Venres 15.
1ª Fase | 18.20 – 23.00 h.
Sábado 16.
Cuartos de final | 11.40 – 13.00 h
Semifinais | 21.10 – 21.50 h
Final | 22.10 – 22.30 h
Equipos Femininos
1ª Fase | 09.20 – 11.40 h
Repesca | 11.50 – 13.20 h
Semifinais | 20.30 – 21.10 h
Final | 21.50 – 22.10 h
Outras actividades
Concurso de Triplos | 19.00 – 19.45 h
Exhibición de mates | 19.45 – 20.15 h