A terceira edición da Carreira nocturna Cidade de Narón celebrarase o vindeiro 27 de agosto na cidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presetaron esta mañá o evento xunto con Alberto Barral, Arantza Rivas e Xurxo Gómez, presidente, vicepresidenta e tesoureiro, respectivamente, do Club Pasa ou Entorna. Ferreiro avanzou que as persoas interesadas en participar poden inscribirse –ata completar as 500 prazas habilitadas para adultos e 200 para menores- na páxina sortmaniacs.com ou a través da APP Saudeter live ata o vindeiro 24 de agosto ás 23.59 horas.
O Concello e o Club Pasa ou Entorna organizan esta carreira, con saída e chegada na praza de Galicia. Haberá unha modalidade para nenas e nenos, que sairán ás 20.00 horas nas categorías Gazapos, Coelliños, Coellos e Lebres, en función das idades pero que non poderán ter cumpridos os 16 anos. A distancia que correrán será dun máximo de 1,2 quilómetros –en función da idade- e cada participante recibirá unha medalla e un agasallo final, ao non ser unha proba competitiva. A partir das 21.30 sairán as restantes categorías, percorrendo un tramo de sete quilómetros: Sénior, Veterán A, Veterán B e Veterán C. Haberá premios para os tres primeiros clasificados na proba e para os tres primeiros de cada categoría e un agasallo para cada corredor e corredora de maior idade.
Así mesmo, entregarase un premio especial ao corredor e corredora que percorran en menor tempo o tramo da subida de “A Picotiña”, un tramo especial e cronometrado que estará sinalizado pola organización e dunha lonxitude de 450 metros aproximadamente.
Os representantes do club local valoraron o respaldo do Concello para organizar de novo este evento e a alcaldesa, pola súa banda, destacou o traballo que desenvolven ao longo do ano e a aposta conxunta por impulsar un ano máis esta actividade deportiva, que ten un gran éxito de acollida.