Friday 22 de November de 2024

O minicampamento “Náutica e Audiovisual” da Xunta remata a súa primeira quenda con 20 mozos participantes


— A segunda quenda, destinada tamén para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos, celebrase a finais de agosto
— A campaña estival da Administración autonómica conta cunha oferta total récord de máis de 10.800 prazas

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá aos participantes do minicampamento Náutica e audiovisual en Sada, que remata hoxe a súa primeira quenda. Trátase dunha das novas localizacións da programación Coñece Galicia, 13 propostas que se desenvolven por toda a Comunidade en establecementos hoteleiros.

Neste minicampamento, 20 rapaces de entre 10 e 14 anos desfrutan ata hoxe de distintas actividades náuticas, audiovisuais e lúdicas. Entre elas, destacan a navegación en veleiro, caiac, paddle surf e a creación de vídeos stop motion. A finais de agosto Náutica e audiovisual volverá a Sada para celebrar unha segunda quenda na que novas mozas e mozos desfrutarán dunha semana chea de actividades.

Pola súa banda, Cristina Pichel puxo en valor a alternativa de conciliación que representan para as familias. Ademais, subliñou o éxito desta proposta, que vai xa pola súa terceira edición.

O verán que queres contar
Os minicampamentos, para os que este ano se ofrecen 600 prazas en total, todas elas xa cubertas, forman parte da maior campaña de verán da Xunta de Galicia. Baixo o lema O verán que queres contar, ofrécense máis de 10.800 prazas entre todas as actividades que a integran, que inclúen tamén campamentos, campos de voluntariado e prazas para outras entidades xuvenís.