Friday 22 de November de 2024

A Costa da Morte inicia o camiño cara ao ‘Destino Turístico Starlight’


_A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, entregou á directora da Fundación Starlight a candidatura do xeodestino que integran 17 concellos para ter o selo ‘Destino Turístico Starlight’. Fíxoo no marco das Aulas Científicas da Deputación da Coruña e o Concello de Cabana, que se celebraron no Dolmen de Dombate

_O equipo que elaborou o informe, liderado polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge Mira, analizou a escuridade do ceo da Costa da Morte, a súa transparencia, a súa nitidez de observación e outros valores que ofrece o xeodestino

_O traballo científico inclúe estudos sobre o cálculo dos períodos de último solpor da Europa continental e outros sobre orientación astronómica de enclaves de megalitismo

_A CMAT firmou un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para que MeteoGalicia fixera un estudo da porcentaxe de ceos anubrados/despexados

_O xeodestino, de superar un primeiro corte en base ao informe presentado, deberá someterse nunha segunda fase a un estudo dos auditores da Fundación Starlight, que avaliarán sobre o terreo se o territorio da Costa da Morte cumple os requisitos para ser ‘Destino Turístico Starlight’

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) iniciou de facto onte á noite (14/07/2022) no Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) o camiño formal do proceso de solicitude da certificación Destino Turístico Starlight, selo que concede a Fundación Starlight. A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, entregou de xeito simbólico a application pack que contén o informe da candidatura á directora xerente da Fundación Starlight, Antonia Varela Pérez. Foi no marco das Aulas Científicas 2022 A luz da Ciencia da Deputación da Coruña e do Concello de Cabana de Bergantiños celebradas no Dolmen de Dombate e que trataron sobre A protección do ceo nocturno, Fundación Startlight e contaminación luminosa.

A carreira para que os 17 concellos que integran o xeodestino Costa da Morte (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas) obteñan o marchamo Destino Turístico Starlight xa comezou. Onte á noite foi o pistoletazo de saída. E o marco, o Dolmen de Dombate, non podía ter maior carga simbólica. Mónica Rodríguez, tamén alcaldesa de Vimianzo, estivo acompañada dos alcaldes de Cabana de Bergantiños, José Muíño; da Laracha, José Manuel López; de Laxe, José Luis Pérez Añón; e do alcalde de Fisterra, José Marcote; además de varios membros da directiva da CMAT. Mónica Rodríguez agradeceu, tras facer entrega do informe, “o traballo feito a través de múltiples contactos e consultas durante máis dun ano” por expertos de diferentes ámbitos científicos liderados polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge Mira. “Agradezo a entrega e desinterese deste equipo de profesionais e confío en que pronto poidamos ser recoñecidos como Destino Turístico Starlight”. “Estou convencida de que o noso territorio conta coa idoneidade para incorporarse ao astroturismo”, apuntou Mónica Rodríguez, quen tamén valorou “o compromiso para lograr este obxectivo dos dezasete concellos que integran o xeodestino”.

O contido do informe da CMAT

Pero, que información contén o informe entregado onte á Fundación Starlight? A propia CMAT califica ese traballo, que comeza cunha descrición xeográfica e detalla a capacidade turística da Costa da Morte, de “exhaustivo”. A application pack entregada á Fundación Starlight mostra os estudos astronómicos feitos na zona, sobre todo, os do cálculo de periodos do último solpor da Europa continental e outros sobre orientación astronómica de enclaves de megalitismo. A presidenta da CMAT indica que o “rigoroso” estudo “fai fincapé na especial significación que ten para a Costa da Morte o simbolismo, a tradición e a maxia dos seus atardeceres”.

O informe tamén destaca o impacto positivo que podería conlevar a obtención do selo e, ao mesmo tempo, fai unha proposta das novas actividades que poderían levarse adiante no xeodestino vinculadas ao turismo das estrelas.

A parte “crucial” do informe da CMAT, así o considera a asociación, é a adicada ás medidas preliminares da calidade do ceo deste territorio. Costa da Morte Asociación Turística xa ten en marcha un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do cal MeteoGalicia levou a cabo un estudo da porcentaxe de ceos anubrados/despexados do xeodestino. Tamén será “clave” o grao de escuridade do ceo da Costa da Morte. “Estes resultados determinarán se o noso firmamento ten a escuridade e calidade suficiente para superar o corte e acceder ao selo Destino Turístico Starlight”, indica Jorge Mira, quen sospeita que “este parámetro pode empeorar pola contaminación luminosa xerada por algúns dos principais núcleos urbanos do xeodestino”.

Transparencia e nitidez do ceo

O estudo impulsado pola Costa da Morte Asociación Turística tamén achega medidas de transparencia do ceo e da súa nitidez da observación, a capacidade que hai para poder ver detalles do firmamento. “Todas estas medidas estivemos e estámolas analizando coa colaboración de varios expertos; creo que serán claves na nosa candidatura”, apunta Jorge Mira.

Todos estes informes e os seus resultados incluídos no traballo entregado pola Costa da Morte Asociación Turística á Fundación Starlight determinarán se a zona da Costa da Morte “supera un primeiro corte”. Se a avaliación é positiva “pasarase á unha segunda fase, na que a Fundación Starlight enviará aos seus propios auditores e peritos á Costa da Morte para que fagan un estudo definitivo sobre o terreo e, logo do proceso de avaliación, decidan se a Costa da Morte cumpre ou non os requisitos” requiridos para obter o cerfiticado Destino Turístico Starlight, segundo explica o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.