Saturday 16 de November de 2024

Luís Rey Villaverde felicita ao club Leones de Santiago BBC polo seu triunfo no I Torneo Internacional Concello de Oroso de béisbol


O Concello de Oroso felicita ao club Leones de Santiago BBC polo seu triunfo no I Torneo Internacional Concello de Oroso, celebrado esta fin de semana no campo municipal de Porto Avieira. Un torneo no que tomaron parte os Leones de Santiago BBC, como anfitrións e organizadores, xunto aos Trasnos Béisbol Club (Vigo) e os Raptors de Esposende (Portugal).

O concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, foi o encargado de entregarlle o trofeo de campión ao equipo local dos Leones, que se impuxeron con autoridade nos dous partidos xogados fronte aos Trasnos e aos Raptors. Rey Villaverde destacou o nivel competitivo do club orosán, que representa a Galicia na Primeira División do Béisbol en España. Proba deste nivel é que os Leones de Santiago BBC tamén acapararon os premios individuais aos mellores xogadores: Jesús Vieites, como Champion Bate; Brian Riera, como Champion Pitcher; e José Luís Díaz, como MVP do campionato.

Pola súa banda, o presidente dos Leones, Franklin Salas, destacou “la buena salud y nivel en el que se encuentra el béisbol en Galicia”, salientando que “la afición sigue creciendo entre quienes lo prueban, tanto niños como adultos”. Salas tamén tivo palabras de agradecemento ao Concello de Oroso “por apostar por un deporte minoritario para que destaca en competiciones de alto nivel”.