Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Carral ofrece unha ampla oferta lúdica e deportiva durante o mes de xullo con roteiros dacabalo, pádel e cursos de natación


• Os cursos de natación, que comezaron o pasado día 4, contan con 43 nenos e nenas

• 16 persoas iniciaron o curso de pádel o día 6

• Unhas 20 parellas participan desde este luns no torneo de pádel, que se estenderá ata o mes de setembro

• O vindeiro sábado 23 haberá un roteiro dacabalo na Granxa Escola Coventina (San Vicente)

O Concello de Carral ofrece para este mes de xullo unha ampla oferta en materia lúdica e deportiva, con cursos de natación, pádel e equitación.

O alcalde de Carral, Javier Gestal, quere destacar “o amplo abanico de actividades relacionadas co deporte ao longo deste mes, no que hai programadas propostas para todas as franxas de idade”.

O luns 4 de xullo foi o punto de partida para os cursos de natación deste mes, que contan con 43 nenos e nenas divididos en dous grupos (iniciación e perfeccionamento). Está previsto que se abra a inscrición para os cursos do mes de agosto este próximo venres.

O día 6 de xullo foi o inicio para o curso de iniciación ao pádel, que nesta edición conta con 16 persoas. Están divididos en dous grupos en función da súa idade: adultos e nenos/as.
Sen cambiar de deporte, o pasado luns 11 de xullo, deu comezo o torneo de pádel que se disputará ata o mes de setembro nas pistas de pádel municipais. Ao redor de 20 parellas competirán para facerse coa vitoria final.

Ademais, o próximo 23 de xullo organizarase unha actividade de roteiro dacabalo coa Granxa Escola Coventina (San Vicente), pensado para familias ou grupos de amigos. Haberá cinco prazas para nenos maiores de 6 anos, que se poderán inscribir ata o próximo día 20 de xullo, cun prezo de 15€.