Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades prohibe temporalmente o uso de auga da traída municipal para rega, enchido de piscinas e outros usos similares


O Concello de Frades prohibe a utilización da auga procedente da traída municipal para o enchido de piscinas ou a rega de cultivos e xardíns, actuacións para os que a veciñanza pode seguir empregando mananciais ou pozos propios, no seu caso. Unha decisión amparada polo artigo 14 J do Regulamento municipal de abastecemento de auga e saneamento do Concello de Frades e que o Concello busca garantir o mantemento do subministro para uso domiciliario e das explotacións gandeiras.

O Concello de Frades decidiu adoptar esta medida debido a que, coa chegada do verán e destas vagas de calor, comeza a haber problemas co subministro de auga debido ao considerable aumento do seu consumo e á súa escaseza. Por iso, dende o Concello apelan á responsabilidade de todos os veciños e veciños á hora de facer un consumo responsable da auga. “Agradecemos a colaboración de todos os veciños e veciñas pois son unhas medidas coas que tentamos manter o subministro para uso nas casas e nas explotacións gandeiras”, explica Roberto Rey, alcalde de Frades.