Ademais das actividades en Caión, o programa inclúe visitas ao aquapark de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso.
Nesta semana estase a realizar o campamento de verán organizado polo Concello. Participan cincuenta rapaces de idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos. A maior parte das actividades lévanse a cabo na praia de Caión.
Cada día o autobús cos rapaces e os monitores sae da praza do Concello ás 10:00 horas e regresa ás 18:00. A parada para o xantar nas instalacións do centro sociocomunitario é ás 14:00.
O luns, na primeira xornada do campamento, os rapaces practicaron surf e kaiak pola mañá e, pola tarde, realizaron un obradoiro de slime. No día de onte a xornada desenvolveuse integramente no aquapark de Cerceda.
Hoxe pola mañá realizaron un roteiro en bicicleta e xogaron ao volei praia. A mediodía, antes do xantar, recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira Patricia Bello. Pola tarde participarán nunha xincana de xogos tradicionais.
A xornada de mañá xoves será íntegra no centro de turismo ecuestre O Ventoso de Erboedo. O venres despedirán a actividade practicando tiro con arco e sumo e desfrutando cos inchables de auga e a festa da escuma.
Neste campamento o Concello da Laracha asume os custos do transporte en autobús, do xantar e de todas as actividades que se realizan en Caión e no seu entorno.
Todos os anos o Concello aposta por celebrar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros de ensino.