O Mercado Medieval de Narón abrirá mañá pola tarde as súas portas ás 19.00 horas no parque de Freixeiro. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Feiras, Santiago Galego, acudirán a esa hora á sesión inaugural, na que tamén participarán outros representantes da corporación local. Un centenar de postos de venda de diferentes produtos, de gastronomía, espectáculos teatrais, musicais, acrobacias, un recuncho infantil…. desenvolveranse dende mañá ata o vindeiro domingo, día 17, no parque de Freixeiro. A programación ao completo pode consultarse a través da páxina web do Concello de Narón, no enlace: http://www.naron.es/web/cat/gal/noticias/get/5178/.
O ciclo Cine de Verán continúa este mes, de balde e a partir das 22.30 horas, en varios espazos públicos da cidade. Na xornada de mañá poderase ver na Praza do colexio de Xuvia o filme “Os Croods: Nova Era”, sobre un clan cavernícola que lidera o xefe da tribu, Crug, e que vivirá diversas aventuras. A programación continuará este venres co filme “Onward”, que se proxectará na Praza de Galicia. Neste caso trátase dunha historia de maxia a cargo de dous irmáns adolescentes, os elfos Ian e Barley Lightfoot, que reciben un bastón de mago herdado do seu pai e intentan descubrir se a maxia aínda existe.
O sábado 16 haberá tamén unha proposta cultural na zona rural, concretamente nas inmediacións do Centro Cívico Social do Val, donde se poderá ver o espectáculo do Mago Antón, “A volta a Galicia en 313 concellos”. Haberá funcións, con entrada de balde, ás 11.00, 12.00 e 13.00 horas pola mañá e tamén en horario de tarde, ás 19.00, 20.00 e 21.00.
Así mesmo, na xornada do sábado terá lugar no parque de Freixeiro, con entrada tamén de balde, o “XXXI Festival Internacional de Folclore”. A convocatoria dará comezo ás 21.00 horas e na mesma poderanse ver as actuacións da Banda de Gaitas e o Grupo de Baile Tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón, o Grupo Folclórico Guarionex, de Porto Rico, o Grupo de Bailes Folclóricos Sörbö, de Costa Rica, e a Compañía de Danza Independiente Fusión Folklórica, de México.
E para rematar as citas previstas para o sábado, ás 23.00 horas iluminarase o exterior do mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, en cuxo interior a partir desa mesma hora e ata as 00.30 haberá un concerto de música sacra, con acceso de balde e aforo limitado á capacidade do espazo.
A sexta edición do programa municipal “Verde que te quero verde” continúa tamén esta fin de semana, en concreto o domingo 17 na rúa Francisco Pizarro, na Solaina. A cita dará comezo ás 12.30 horas e correrá nesta ocasión a cargo da banda Sabela King, a cantante de proxectos como The Lakazáns, que interpretará cancións do seu proxecto de música familiar Martiña Soñadora e tamén o concerto de Catuxa Salom.
O domingo ao mediodía, concretamente ás 13.00 horas, iniciarase a Festa gastronómica do pemento do Couto, coa lectura do pregón no Centro Cívico Social do Couto a cargo do guía de turismo e actor Suso Martínez, que realizará unha declamación musicalizada en colaboración co músico Manuel de Felisa. Sobre as 14.00 horas comezará o apartado gastronómico desta cita festiva, baixo a carballeira localizada xunto ao centro cívico social. O menú será a base de pementos do Couto, churrasco e cachelos, con pan, bebidas e sobremesa. As persoas interesadas en asistir poden adquirir os tickets a prezos populares no Centro Cívico Social do Couto –de 18.00 a 23.00 horas de luns a domingo-, chamando ao número de teléfono 606 179 353 ou na oficina da Cooperativa do Val, de luns a sábado entre as 9.00 e as 14.00 horas. Xa pola tarde na zona haberá a partir das 16.30 un baile amenizado polo Dúo Karamba e de 17.00 a 19.00 xogos populares.