Friday 22 de November de 2024

A campaña ‘Eu retorno ao mercado’ busca unha maior eficacia na reciclaxe de caixas de cartón de froitas e verduras


A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, presentou no Mercado Central de Froitas esta iniciativa na que se espera a colaboración dos comerciantes

O Mercado Central de Froitas acolleu esta mañá a presentación da campaña ‘Eu retorno ao mercado’, unha iniciativa do Concello da Coruña a través da concellaría de Medio Ambiente. A edil Esther Fontán foi a encargada de explicar os obxectivos desta iniciativa.

‘Eu retorno ao mercado’ creará un punto de recollida de materiais procedentes das froiterías para a súa reciclaxe. Esta acción busca evitar que os comerciantes da cidade depositen as caixas de cartón, de madeira e outros materiais da súa actividade profesional nos colectores de uso doméstico que hai na rúa, algo que non está permitido. Retíranse deste xeito dos colectores de inorgánico e a súa contorna caixas de todo tipo que non poden ser recollidas polo servizo municipal, ademais de retirar os restos orgánicos dos comercios do seu correspondente colector. Isto permitirá ao Concello obter unha valoración de alta calidade polo servizo.

“Con este acordo do Goberno de Inés Rey co Mercado de Froitas pretendemos retirar tantas caixas de cartón das rúas e dos colectores de inorgánico como sexa posible, ademais de favorecer a súa reciclaxe en Nostián. Damos aos comerciantes todas as vantaxes para depositar estes materiais nun punto fixo e pedímoslles que o utilicen”, indicou Esther Fontán durante a presentación da campaña.

As froitarías que colaboren con esta iniciativa recibirán un distintivo adhesivo para os seus negocios e evitarán ser sancionados no futuro, cando se aprobe a próxima ordenanza municipal do lixo, que dará unha grande importancia á separación de residuos. Aínda así, Esther Fontán incidiu no carácter divulgativo e educador que ten esta campaña.

Este Plan Municipal de Residuos pretende a separación en orixe dos residuos para a súa reciclaxe. Entre os materiais que se esperan recoller con esta acción destacan as caixas de madeira, de cartón e de plástico, o material orgánico como froitas ou verduras e outro tipo de material inorgánico como plásticas usados para a embalaxe. O punto de retorno permitirá separar todos estes materiais e procesalos para a súa reciclaxe. Os produtos perecedoiros que xa non serven para a súa venda dedicaranse a crear compost de alta calidade.

Fontán pediu a colaboración das persoas comerciantes por xunto e comerciantes retallistas para conseguir un maior aproveitamento destes recursos e o seu correcto procesamento. “Para o Concello esta campaña é un paso moi importante que terá a súa continuidade con outras fraccións de residuos procedentes de outros sectores no camiño dunha mellor e máis precisa separación e recuperación”, insistiu a concelleira.