O Concello presentou a última hora da tarde de onte ás entidades do barrio da Solaina o proxecto de humanización deseñado para a zona. A alcaldesa, Marián Ferreiro, participou na convocatoria, que se deu comezo ás 20.00 horas no Centro Cívico Social da Solaina, xunto con outros representantes da corporación local e da empresa que realizou o proxecto. Ao inicio da súa intervención a rexedora local agradeceu a asistencia das persoas que se achegaron a coñecer o proxecto, recordando que en novembro do ano pasado se reunirán tamén no barrio para presentar o Plan Director. Un documento do que esta humanización da avenida da Solaina é o primeiro paso, materializando unha importante actuación da análise realizada no seu día co Plan Director. Ferreiro avanzou que os traballos se iniciarán a finais deste mes e solicitou de antemán desculpas polas molestias que unha intervención deste tipo ocasiona. O Concello destina ás obras unha partida duns 720.000 euros.
Dous dos responsables do proxecto a acometer calificaron de “moi singular” a rúa obxecto da actuación, incidindo en que é “realista, non platónica, porque ten que resolver a realidade”. A mellora da accesibilidade coa implantación da plataforma única, a ampliación das zonas verdes e peonís e a diminución de espazo dos carrís de circulación, que serán “os estritos para circular”, son as características principais da intervención. En canto aos espazos de estacionamento, aseguraron que predominarán en liña “manténdose todos os que cumpren a normativa”.
Así mesmo, no acto explicouse que se xogará coa combinación de diferentes elementos –como o pavimento- para diferenciar usos e tamén se ampliarán as zonas verdes, crearanse zonas estanciais –con bancos- e outras de sombra. “Todo o proxecto permitirá tamén ofrecer novas posibilidades para as superficies comerciais localizadas nas inmediacións do tramo”, aseguraron.
As persoas que acudiron realizaron as preguntas que consideraron oportunas sobre o proxecto. A alcaldesa destacou a aposta do goberno local por acometer os traballos, que tal e como indicou se levarán a cabo en varias fases. “Comezarán na zona da escola infantil municipal, tal e como se planificou coa Policía Local, para ocasionar as menores molestias posibles e poder ter unha mellor convivencia coas obras ao concentralas nunha única zona”, explicou a alcaldesa.
Ferreiro subliñou que “queremos que sexa un barrio no que a xente desfrute de estar máis tempo na rúa, no que non se perda a sensación que ofrecen as zonas verdes”. Ademais, asegurou que “é un proxecto no que se implicaron moitas persoas e servizos municipais para que o resultado sexa o máis satisfactorio posible atendendo á estrutura do barrio”.