Friday 22 de November de 2024

A primeira promoción da Fusquenlla empeza a elaborar produto local


A Deputación e os concellos promotores asinan un novo convenio para financiar formación e o acompañamento das persoas usuarias durante un ano

O centro de traballo colaborativo A Fusquenlla, promovido por Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño, acolle estes días o primeiro curso de transformación agroalimentaria que se desenvolve nas súas instalacións, co obxectivo de formar ás que serán tamén as primeiras persoas usuarias de todo o equipamento do que dispón para elaborar horta, froita e mel. Nel participan 15 persoas de toda a comarca que, de feito, están rematando xa o curso coa posta en práctica do coñecemento adquirido en normativa, seguridade, manexo da maquinaria, sanidade alimentaria, hixiene e tamén no importante: a produción de conservas e envasados a partir das súas colleitas. Neste sentido, a primeira promoción da Fusquenlla xa elaborou un pequeno lote de cabaciños marinados, néctar de pexego e peras ao viño. A partir de agora o centro bota a andar co obxectivo de ir incrementando pouco a pouco o número de persoas usuarias. Quen teña interese pode informarse e anotarse para próximas actividades a través da web www.afusquenlla.gal.

O seguinte curso comeza a semana que vén coas prazas xa completas e dirixido a outras quince persoas que quedaran na lista de agarda da primeira convocatoria formativa. Serán de novo 63 horas de teoría e práctica sobre seguridade hixiénico-sanitaria e uso correcto das instalacións e os equipos, co obxectivo de poder elaborar produtos atendendo aos requisitos legais establecidos.

Tal e como comenta Carme Freire, encargada de impartir o módulo de transformación agroalimentaria, a necesidade de contar cun espazo que reunise condicións axeitadas, totalmente equipado e con rexistro sanitario de seu foi o principal motor dunha iniciativa que empezou a xestarse hai cinco anos e que agora é xa unha realidade.

“Foi unha demanda das produtoras e produtores que xa estaban facendo produtos de calidade nas súas casas pero que precisaban un lugar que cumprise os requisitos de seguridade e sanidade”, explica Freire engadindo que de non existir un centro así e xestionado de maneira conxunta “sería imposible que individualmente puidesen asumir o investimento necesario”.

Alén do equipamento do que dispón A Fusquenlla para transformar horta, froita, zumes e mel, se cadra o máis importante é o que pode significar para as pequenas explotacións locais, facilitando que saquen maior partido das súas colleitas atendendo mercados de proximidade. “O valor engadido ten que ver co ser local, coa calidade, e que sexan pequenas producións nun mercado que está demandando este tipo de produtos de maneira exponencial”, apunta Freire, avalada pola súa propia experiencia como integrante do centro brionés Daquí Darredor, que leva varios anos funcionando con éxito coa mesma filosofía que se tenta implantar na Fusquenlla.

A intención dos catro municipios promotores é, en primeiro lugar, ofrecer capacitación técnica no manexo das instalacións -e tamén en materia de comercialización- para que se vaia creando un grupo de traballo que despois sexa capaz de autoxestionar o centro. É a propia xente quen o vai facer funcionar”, precisa Carme Freire adiantando a súa confianza no éxito dunha iniciativa “colectiva, que ten que ver con toda unha comarca e un desenvolvemento integral do territorio”, na liña do que propugnan os ODS das Nacións Unidas e das liñas estratéxicas do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Novo convenio coa Deputación
O Concello de Moeche, en representación dos catro municipios implicados no proxecto -os outros son San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño-, suscribiu un convenio coa Deputación da Coruña por valor de 36.350 euros -29.080 corren por conta do ente provincial e os 7.270 asúmenos os municipios- de cara a financiar accións formativas e o acompañamento das persoas usuarias durante un ano.

A alcaldesa e máis os alcaldes dos catro consistorios visitaron este mediodía as instalacións da Fusquenlla na compaña do deputado provincial José Ramón Rioboo, escenificando deste xeito o compromiso provincial e municipal cun centro que está integrado na rede de espazos de traballo colaborativo da Deputación da Coruña.