Trátase dun organismo que potenciará o diálogo co sector cultural, na súa diversidade, e que forma parte do acordo político para os Orzamentos 2022
Este mes tamén está previsto poñer en marcha as axudas á creación e o novo programa de residencias artísticas en espazos municipais
O regulamento do novo Consello Municipal de Cultura, un organismo que lle dará voz ao sector cultural da Coruña, foi ditaminado favorablemente hoxe pola Comisión de Economía, Facenda e Administración Xeral, e será aprobado de xeito definitivo nun Pleno Extraordinario que se celebrará este venres, 15 de xullo, ás 11.00h. Esta iniciativa contou cos votos favorables do Goberno local e a Marea Atlántica,
garantía de que sairá adiante nesta sesión plenaria.
A creación dun Consello Municipal para fomentar a interlocución co tecido cultural coruñés forma parte dos acordos entre o PSdeG-PSOE e a Marea Atlántica para a aprobación dos Orzamentos 2022, un pacto no que se incluirán outras medidas que teñen previsto entrar en vigor este mes: a convocatoria de novas bolsas de creación e a posta en marcha dun programa de residencias artísticas no Centro Ágora e outros espazos municipais, fomentando a cultura de base na cidade.
Para a voceira da Marea Atlántica, María García, estas novas medidas “poñen o foco na cultura de proximidade, a que ten as súa raíces na Coruña e xera emprego na cidade, e fano desde o diálogo e a cooperación”.
O voceiro do goberno Jose Manuel Lage destacou que “a creación do Consello Municipal da Cultura é un paso mais dentro do compromiso do goberno local polo diálogo e a colaboración con todos os sectores da cidade e por ser unha cidade referente no eido cultural”.
Os Estatutos do Consello Municipal de Cultura recollen gran parte das achegas do propio sector, trasladadas tras o seu acto de presentación no Teatro Colón, celebrado en abril. Este novo organismo será aprobado nun Pleno Extraordinario o vindeiro venres, un paso que non é obrigatorio (podería levarse a unha Xunta de Goberno Local) pero que permitirá que toda a Corporación teña a oportunidade de posicionarse e debater sobre o asunto.
O Consello Municipal de Cultura está pensado para darlle ás profesionais da cultura un espazo de diálogo con toda a Corporación Local, con voz e voto. Terá un Plenario amplo, con representación de profesionais e asociacións relacionadas coa cultura en toda súa diversidade, e con presenza dos grupos políticos municipais. A presidencia recaerá na alcaldesa, e contará cunha vicepresidencia escollida polo propio sector cultural.
Axudas á creación e residencias artísticas
Neste mes de xullo está tamén previsto o lanzamento de dúas novas políticas que tamén forman parte do acordo entre o goberno local e a Marea Atlántica, grazas ao que o orzamento para a Área de Cultura no Concello aumentou en 3,1 millóns de euros. Trátasedas axudas á creación, que se manteñen tras o remate do Presco, aumentando a súa contía e facilitando a súa tramitación: suman 180.000 euros, dos que cada persoa beneficiaria poderá optar a un máximo de 10.000.
Ambos grupos acordaron tamén as bases para o programa de residencias artísticas en espazos e recintos municipais: o Centro Ágora, o Teatro Rosalía, o auditorio do Fórum Metropolitano e a Sala Túnel do Coliseum, para acoller iniciativas de artes escénicas, música, danza, maxia, novo circo… O seu orzamento chega aos 150.000 euros, que inclúen a produción artística e a cobertura de determinados gastos. Priorizarán a artistas residentes na Coruña, pero están abertas a proxectos desenvolvidos desde fóra da cidade