O arraigo do remo na localidade farase notar no 17 de xullo coa XVII Bandeira Concello da Pobra e a II Bandeira Feminina Alicrusa. Unha dobre cita deportiva que reunirá un total 21 embarcacións que o darán todo para alzarse coa vitoria na súa modalidade correspondente. E, para desfrutar das regatas, disporase de dúas alternativas: nas propias inmediacións do peirao comercial onde haberá cantina con comida e bebida ou na retransmisión en directo a través da TVG2.
Así o deron a coñecer o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); o presidente do Club Remo Puebla, Antonio do Carmo; e Carmela Fernández, remeira da entidade.
A xornada desenvolverase en horario de tarde, polo que arrancará ás 16.30 horas coa II Bandeira Feminina Alicrusa, que contará coa participación de 9 clubs. Unha vez conclúa esta proba, arredor das 17.30 horas, será a quenda da XVII Bandeira Concello da Pobra, na cal tomarán parte 12 entidades deportivas.
En ámbolos casos, a distancia será de 5556 metros, nun campo de 4 rúas, repartidos en 6 longos e con 5 ciavogas. O premio traducirase na entrega das propias bandeiras e no repartimento dun total de 16 245 euros: 9000 euros para a liga masculina e 7245 euros para a liga feminina.
Organizadas polo Club Remo Puebla e a Liga Galega de Trañeiras (LGT), a Administración local patrocina a XVII Bandeira Concello da Pobra e a empresa Alicrusa fai o propio coa II Bandeira Feminina Alicrusa. Cóntase tamén coa colaboración da Protección Civil pobrense.