Friday 22 de November de 2024

Feijóo transmite aos gandeiros o seu apoio para que se adopten todas as medidas que permita a lei co fin de afrontar os problemas do sector lácteo


Comparte cos produtores a necesidade de que mañá se chegue a un acordo no encontro que os reunirá coa industria e a distribución

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, transmitiulle hoxe aos gandeiros lácteos o apoio do Goberno galego para que se adopten todas as medidas que permita a lexislación e que poidan servir para mellorar a difícil situación que atravesa actualmente o sector.

Tras reunirse en Santiago con representantes dos produtores lácteos, o presidente galego reiterou que a Xunta coincide tanto co diagnóstico que fai o sector dos problemas que está a sufrir como na necesidade de chegar a un acordo para poder afrontalos na reunión que mañá terá lugar no Ministerio de Agricultura, e á que asistirán tanto representantes dos produtores lácteos como da industria e da distribución.

Nesta liña, recordou que o Goberno galego coincide cos gandeiros en que moitas explotacións están a sufrir importantes dificultades para poder producir no contexto actual, así como en que os gandeiros non poden soportar de xeito exclusivo a baixada de prezos que se rexistra a nivel internacional.

Por iso, asegurou que o encontro, que cualificou de “cordial”, serviu tamén para constatar a coincidencia de que a reunión prevista mañá en Madrid debería servir para concretar un acordo que inclúa “todas as medidas que se poidan legalmente” para afrontar a situación.

En todo caso, e tras revelar que nos últimos días ten mantido distintas conversas coa ministra de Agricultura a este respecto, amosouse convencido de que a postura do Goberno central de cara ao encontro de mañá é a de facilitar que se adopten todas as decisións que sexan posibles dentro do marco legal vixente na Unión Europea.

Vinculado a isto, recordou que o Executivo estatal traballou nas últimas semanas cos gobernos de Francia, Italia e Portugal para promover unha postura conxunta na Unión Europea, como se viu no Consello de Ministros de Agricultura da UE esta semana.

A disposición permanente do sector
Finalmente, trasladou a dispoñibilidade permanente da Xunta para volver reunirse cos produtores no caso de que mañá se produza un acordo, de cara a facer unha valoración conxunta do contido e alcance do mesmo.

Neste sentido, recordou que a postura do Goberno galego sempre foi a de estar a carón do sector lácteo, con cuxos representantes tanto a conselleira de Medio Rural como o presidente se reuniron en múltiples ocasións, a última o pasado 5 de agosto.