Friday 22 de November de 2024

Mellora da cobertura móbil en Cabanas co acendido dunha nova antena 5G


As operadoras xa están a ofrecer en Cabanas servizos móbiles de nova xeración nas bandas de 700 e 800 MHz

O Concello de Cabanas informa da posta en marcha esta semana de novos servizos de telefonía móbil de nova xeración 5G sobre as bandas de 800 e 700 MHz por parte das operadoras Telefónica, Vodafone e Orange, o que permitirá á veciñanza desfrutar de conexións móbiles de alta velocidade, unha mellor penetración en interiores e unha maior extensión xeográfica.

Co obxectivo de garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa televisión dixital terrestre (TDT), as operadores puxeron en marcha a entidade Llega700, encargada de solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión.

Este despregamento enmárcase no establecido no Real Decreto 579/2019, de 11 de outubro, a partir do cal procedeuse á liberación das frecuencias entre 694 e 790 MHz (canles 49 a 60 de UHF), que até o de entón empregábanse para a recepción da TDT, proceso coñecido como “Segundo Dividendo Dixital”. A partir de entón, ditas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar o seu servizos de telefonía de nova xeración.

Principais vantaxes: máis e mellor cobertura.

Coa nova rede móbil abriuse a porta a innovadores servizos e aplicacións, ademais de proporcionar significativas melloras tanto na velocidade de descarga como no envío de datos (fotos, música, contidos audiovisuais de alta definición…) ou permitir sacar o máximo partido a aplicacións online, como os videoxogos.

Ademais, as novas redes inclúen maior solvencia dos diversos problemas relacionados con orografías complicadas, como a falta de cobertura, ao conseguir unha mellor penetración nos interiores dos edificios.

Garantir a compatibilidade da rede móbil e a TDT

Para garantir a compatibilidade da rede móbil e a TDT, LLega 700 presta unha serie de servizos á poboación de maneira gratuíta, que inclúe a atención ás usuarias que se poidan ver afectadas, xestionando e resolvendo as posíbeis afeccións sen custe.

Para xestionar estes servizos, púxose a disposición un teléfono gratuíto (900 833 999) e unha páxina web, https://www.llega700.es/