Friday 22 de November de 2024

A Pobra do Caramiñal, porto de referencia para a travesía Navega el Camino


A travesía Navega el Camino xa está consolidada como unha modalidade de face-lo Camiño de Santiago coa vista posta no mar. Un ano máis, A Pobra do Caramiñal convértese en porto dunha nova etapa neste 12 de xullo co recibimento dun total de 105 persoas do ámbito nacional e internacional distribuídas en 26 embarcacións a vela.

Trátase dunha ruta de peregrinaxe marítima impulsada por Northmarinas que, ademais da súa tradición xacobea, conmemora nesta sétima edición o quinto centenario da primeira circunnavegación de Magallanes e Elcano.

O alcalde da Pobra do Caramiñal e presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra); a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro; e representantes do resto de concellos que conforman o ente supramunicipal recibiron o equipo no Náutico e convidárono a xantar no restaurante situado nesas mesmas instalacións.

A maiores, o Concello pobrense agasallouno cun obradoiro de baile e pandeireta ofrecido por Arrancadeira para mergullalo no folclore galego e achegarlle máis de preto parte da nosa idiosincrasia.

A expedición chegará a Santiago no 14 de xullo despois de realiza-lo último tramo do Camiño a pé e tras 15 etapas a vela pola costa atlántica norte, que tivo como porto de partida La Rochelle, no 24 de xuño, acreditando así as 100 millas náuticas esixidas para obte-la Compostela.