Friday 22 de November de 2024

Camariñas coloca un vinilo na marquesiña do paseo marítimo para promocionar a vila como a etapa raíña do Camiño dos Faros


• Polo municipio transcorren un total de tres das nove etapas deste roteiro, algunhas das máis valoradas polos visitantes.

• Sandra Insua quixo destacar “as condicións naturais ideais que posúe Camariñas para a práctica de turismo slow ou de actividades ao aire libre”

• O panel inclúe un código QR que redirecciona a Camariñas Explora, a app do Concello que contén información sobre as diferentes rutas sinalizadas que hai na vila

O Concello de Camariñas ven de colocar un vinilo a modo de panel informativo na marquesiña situada no paseo marítimo, co fin de promocionar a vila como a “Etapa Raíña” do Camiño dos Faros.
O vinilo inclúe un mapa en grande onde se atopan as etapas 4, 5 e 6 do Camiño, que son as que transcorren polo municipio. Estas etapas son algunhas das máis valoradas polos visitantes, debido á súa beleza paisaxística e os lugares emblemáticos que atravesan. “Son as etapas raíña do Camiño dos Faros”, destaca a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
O Camiño dos Faros é unha ruta dividida en oito etapas, que se estende por máis de 200km de costa. Pola vila camariña transcorre a etapa 4, que remata en Laxe; a 5, que atravesa Camariñas na súa totalidade; e a etapa 6, que empeza na propia Camariñas e pasa por Xaviña, Ponte do Porto e finaliza en Muxía.
Sandra Insua, quixo destacar “as condicións naturais ideais que posúe Camariñas para a práctica de turismo slow ou de actividades ao aire libre” e “o valor turístico que o Camiño do Mar supón para o noso municipio, xa que cada vez atrae máis visitantes ao longo de todo o ano”.

“Este Camiño potencia diferentes localizacións turísticas do noso municipio, como poden ser o faro de Cabo Vilán, Camelle e o Museo de Man, o Cemiterio dos Ingleses ou praias como a de Lobeiras ou Reira” engadiu a alcaldesa.
Camariñas Explora
O panel tamén contén un código QR que redirecciona a Camariñas Explora, a aplicación do Concello que contén información sobre as diferentes rutas sinalizadas do municipio
Nesta app pódense atopar 20 diferentes rutas que suman en total 220 quilómetros e que están dirixidas a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo.
Tamén se habilitiu un perfil en Wikiloc, onde se pode acceder a través do perfil ‘Camariñas explora’, e calquera usuario poderá acceder ás rutas e poderá seguilas de xeito totalmente gratuíto. Ademais, antes de iniciar o percorrido poderá ler unha pequena descrición do recorrido así como comprobar os datos técnicos do mesmo como a lonxitude ou o perfil altimétrico. Todas as rutas inclúen unhas recomendacións para desfrutar de cada actividade. AS rutas están dispoñibles no seguinte enlace: https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=8513794