O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; e Judit Fontenla, xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; asistiron esta mañá no Centro Sociocultural de Grixoa ao acto de clausura e entrega de diplomas do “Obradoiro de Emprego Creas IV”, cuxo alumnado desenvolveu durante este ano os labores de acondicionamento do treito do Gatofero, dentro do proxecto “Xiro dos Montes de Compostela”.
O acto de clausura e entrega de diplomas estivo precedido por unha andaina polo tramo recuperado, que forma parte da etapa nº 4 entre Carballeira de Nemenzo e a Igrexia de Grixoa no seu paso polo rego do Gatofero. Este percorrido enmárcase no proxecto Xiro Grande de Compostela, “unha serie de rutas de sendeirismo que pretende unir todas as parroquias rurais de Santiago cun percorrido de 97,7 quilómetros que se suma ao xa estreado Xiro Pequeño, de 34 km”, explicou o alcalde Xosé S. Bugallo, que tamén e invitou á cidadanía a aproveitar esta “magnífica oportunidade para desfrutar da paisaxe, do medio ambiente, do patrimonio cultural ao mesmo tempo que se fai exercicio”.
Cunha duración de nove meses, do 11 de outubro de 2021 ao 10 de xullo de 2022, este obradoiro de emprego permitiu a formación e a práctica profesional de 20 persoas desempregadas en dúas especialidades: “Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas”; e “Confección e publicación de páxinas web”. En cada unha delas formáronse 10 alumnos/as.
O Obradoiro de Emprego Creas IV é un programa mixto de formación e emprego financiado pola consellería de Emprego da Xunta de Galicia, con 380.000 euros; e polo Concello de Santiago , que aporta 62.000 euros. Ademais da formación e práctica do alumnado-traballador, supuxo a contratación dunha directora, un mestre de repoboación forestal e tratamentos silvícolas, un mestre de confección e publicación de páxinas web, e unha mestra de formación complementaria.
Xiro Grande dos Montes
Cunha distancia total de 97,7 km, o proxecto Xiro Grande de Compostela cobre un roteiro circular de nove etapas, interactivas e xeolocalizadas, que poden ser percorridas coa axuda dos móbiles. Toda a información está recollida na web parqueforestaldesantiago.org.
Así conclúese o Xiro de Santiago de máis de 130 km, que unido ao Xiro Pequeno, circunda os montes de Composela na zona máis rural de cidade a través de nove etapas:
1. ERMIDA SANTA LUCÍA- LAVACOLLA 13,32 km
2. LAVACOLLA- A IGREXA (CESAR) 11,24 km.
3. A IGREXA (CESAR)-CARBALLEIRA DE NEMENZO 10,01 km
4. CARBALLEIRA DE NEMENZO – IGREXA DE GRIXOA 16km
5. IGREXA DE GRIXOA-CASTRO MAIOR 11,07
6. CASTRO MAIOR- PORTELA DE FIGUEIRAS 9,52 km
7. PORTELA DE FIGUEIRAS- PORTELA DE VILLESTRO 8,30 km
8. PORTELA DE VILLESTRO- MONTE CRUXEIRAS 9,69 km
9. MONTE CRUXEIRAS-ERMIDA DE SANTA LUCÍA 8,40 Km
E na que se pode gozar de vistas inéditas da cidade dende os seus miradoiros:
Etapa 1 – Miradoiro de Marrociños e Miradoiro de Zaramacedo
Etapa 2 – Miradoiro de Tras Vea.
Etapa 3 – Miradoiro do Outeiro.
Etapa 4 – Miradoiro do Río Tambre.
Etapa 5 – Miradoiro de Castromaior.
Etapa 6 – Miradoiro de Espiñeiras.
Etapa 7 – Miradoiro do Luceiro e Mirador dos Cortellos.
Etapa 8 – Miradoiro de Cruxeiras.
Etapa 9 – Miradoiro do Outeiro do Castiñeiriño
O alumnado da especialidade de “Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas” foi o encargado dos traballos de acondicionamento das distintas etapas do roteiro Xiro Grande dos Montes de Compostela, como a roza de matogueiras, plantación de árbores, eliminación de plantas exóticas invasoras, mellora de pavimentos, execución de puntos de drenaxe, instalación de mobiliario e sinais, etc.
Pola súa banda, o alumnado da especialidade de “Confección e publicación de páxinas web” encargouse de elaborar e manter o sitio web no que se recolle toda a información dos Xiros dos Montes de Compostela e da creación do novo portal web que nace co obxectivo de poñer en valor o uso agrario da zona rural da Cidade.