A cidade acollerá este sábado, día 16, a trixésimo primeira edición do Festival Internacional de Folclore organizado polo Padroado da Cultura. Unha cita que presentaron esta mañá a alcaldesa da cidade e presidenta do citado organismo municipal, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo. Ferreiro anunciou que o evento se desenvolverá por primeira vez na zona do parque do río Freixeiro a partir das 21.00 horas e con entrada de balde.
Ferreiro indicou que este ano participarán tres agrupacións internacionais, o Grupo Folclórico Guarionex, de Porto Rico, o Grupo de Bailes Folclóricos Sörbö, de Costa Rica, e a Compañía de Danza Independiente Fusión Folklórica, de México. Xunto a eles actuarán a Banda de Gaitas e o Grupo de Baile Tradicional “Alxibeira”, do Padroado da Cultura de Narón”.
A Banda de Gaitas do Padroado da Cultura, integrada por preto de medio cento de persoas de diferentes idades, constituíuse co obxectivo de salvagardar e contribuír á difusión da música tradicional galega. É unha das bandas máis antigas da comarca e conta cun amplo repertorio de corte tradicional –muiñeiras, alboradas…- e tamén de pezas de novos autores. O Grupo de Baile Tradicional “Alxibeira”, integrado por mozas e mozos de entre 15 e 30 anos ten entre os seus obxectivos a revalorización do folclore e costumes de Galicia e a recuperación das nosas tradicións. “Alxibeira” realizou un intenso traballo de investigación por Galicia na procura de bailes, cancións… para elaborar o seu repertorio e os traxes dos integrantes da agrupación foron reconstruídos seguindo os patróns dos antigos e incluso conservan algunhas pezas orixinais.
En canto ás formacións convidadas, “Guarionex”, de Porto Rico, constituíuse no ano 1978 e rescata, divulga e educa a través da música folclórica cun espectáculo de gran calidade. Os seus integrantes bailan todo tipo de música folclórica e os seus coloridos vestiarios representan a súa mestura cultural. O grupo formou parte dos rexistros do Departamento de Estado, Instituto de Cultura e Compañía de Turismo.
O Grupo de Bailes folclóricos Sörbö, de Costa Rica, creouse no ano 1979 e adoptou o actual nome, procedente das danzas dos indíxenas bribis –que representa a unión dos homes e as mulleres-. Unha vintena de persoas integran a formación, que trae a Narón o espectáculo “Raíces ticas”. A promoción dos valores culturais do seu país a través da música centra o traballo desta agrupación musical, con pezas de varias rexións da zona e danzas indíxenas.
No ano 2009 constituíuse en Tula de Allende (México) a Compañía de Danza Independente Fusión Folklórica. Seis rapaces apostaron pola creación deste grupo para transmitir o folclore mexicano fóra do seu país. A pesar da súa recente creación xa participaron en varias xiras internacionais, donde deron a coñecer diferentes temas de estados mexicanos como Veracruz, Jalisco…
As catro formacións, tal e como avanzou Ferreiro, actuarán tamén o vindeiro luns, día 18, na avenida 8 de Marzo de As Pontes, a partir das 20.00 horas, xunto coa Banda de Gaitas da Escola Municipal do Concello das Pontes.
A alcaldesa e o edil de Cultura animaron á cidadanía a acudir a este evento, “para desfrutar nun espazo natural da cidade da música e o baile de Alxibeira e tamén das tres formacións internacionais que nos achegarán parte da súa cultura”.