Saturday 16 de November de 2024

O BNG chama a mobilizarse para defender a Sanidade pública ante os recortes e a pésima xestión do PP


Pérez Barral reclama abrir os consultorios fechados e cubrir baixas e vacantes de facultativos, “máis que faltar profesionais, sobra precariedade”

O responsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez Barral, mostrou a preocupación que ten a súa organización sobre a situación que padece a Sanidade pública, sobre todo a Atención Primaria cuxa situación actual exemplifica as consecuencias de trece anos de recortes e privatizacións do Goberno do PP con consultorios médicos pechados e baixas e vacantes de facultativos que non se cobren.

“Estamos ante un goberno do PP cruzado de brazos, que non está dando solucións aos grandes problemas que están condicionando a vida da xente, e aí está a asfixia da Sanidade pública tras trece anos de recortes e privatizacións, deteriorando a calidade asistencial e sobrecargando o sistema sanitarioa”, denunciou. Esta situación provoca que, por primeira vez na historia, haxa lista de espera de até dúas semanas para ter atención presencial coa médica de cabeceira, “algo insólito” apuntou Barral.

“Os recortes levaron ao sistema público de saúde ao abismo e os datos están aí para corroboralo: hoxe Atención Primaria ten 47 millóns de euros menos en recursos que en 2009 e este ano tivo menor investimento que o pasado exercicio”, explicou, “o PP leva anos reducindo servizos e desmantelando a Sanidade pública e non podemos permitilo, porque é o colchón que ten calquera persoa para poder ser atendida ante un problema de saúde”.

Barral, que destacou o extraordinario traballo do persoal médico, considera que non estamos ante un problema de falta de persoal, senón de precariedade laboral. “É falso que non haxa profesionais o que pasa é que non aturan as condicións de precariedade, de feito, na última convocatoria MIR a maioría do persoal que rematou a formación non quixo ir a Atención Primaria senón que busca outras especialidades precisamente polas malas condicións”, argumentou.

Ante esta situación o BNG propón que a Xunta habilite un plan de choque de 200 millóns de euros para sacar Atención Primaria do colapso, que permita contratación de persoal e incrementar a carteira de servizos, -fisioterapia, psicoloxía clínica, matronas-. Isto no inmediato, porque o Bloque tamén propón unha modificación na actual Lei de Sanidade para destinar o 25% do orzamento do SERGAS a Atención Primaria, “hai que blindar por lei o corazón do sistema, porque estamos á cola de todo o Estado en investimento en Primaria”. Na Barbanza piden cubrir as baixas e vacantes de facultativos nos centros de saúde e reabrir os consultorios de Taragoña e Cabo de Cruz.

Por último, o BNG tamén anima á poboación da Barbanza a se manifestar o vindeiro xoves 14 de xullo ás 20:30h na mobilización que partirá do centro de saúde de Ribeira,”precísanse máis recursos, mellor xestión e acabar con trece anos de recortes e privatizacións porque defender a Sanidade pública é o mesmo que defender a saúde das persoas”.