Thursday 21 de November de 2024

Máis de trescentos ciclistas de 53 equipos participarán na IV Ruta BTT Río Tambre-Brión, que terá lugar esta fin de semana en Brión


As novidades deste ano serán a ampliación da proba a dúas xornadas e a incorporación dunha proba de duatlón cross e dunha cronoescalada ata as Torres de Altamira

Un total de 320 ciclistas de 53 equipos de toda Galicia tomarán parte esta fin de semana na IV Ruta BTT Río Tambre-Brión, organizada pola asociación cultural, medio ambiental e deportiva O Esquío no Piñeiro e a Piscina Municipal de Brión, en colaboración co Concello de Brión. Unha cita que este ano presenta moitas novidades: por primeira vez a proba abranguerá dúas xornadas (sábado 12 e domingo 13 de setembro) e incluirá unha cronoescalada ás Torres de Altamira e unha proba de duatlón cross.

Así, o sábado 12 de setembro terá lugar a I Cronoescalada Carballeira de Santa Minia – Torres de Altamira. A partir das 18:00 horas, e cada 30 segundos, os 29 inscritos iniciarán unha escalada contra reloxo ata as Torres. Unha proba única na contorna na que os ciclistas, de xeito individual, percorrerán uns 5-6 quilómetros con saída e meta na carballeira.

E o domingo 13 de setembro celebraranse o I Duatlón Cross Río Tambre e a IV Ruta Btt Río Tambre – Brión. A xornada comezará as 9:00 horas. coa saída dende as inmediacións da Piscina Municipal do duatlón. Os 45 participantes percorrerán unha distancia de 25 km en bicicleta e 6 quilómetros a pé. O circuíto compartirá parte dos sendeiros da ruta BTT, con final no mesmo punto.

Media hora despois arrancará a IV Ruta BTT Río Tambre-Brión, con 246 participantes. A proba discorrerá ao longo de 45 km de dificultade técnica e física media. A novidade deste ano será unha subida ao Monte Rubial, o punto máis alto do municipio.

Nas tres probas, cronometradas por Gali Timing, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados nas categorías de homes e mulleres. Dende o Esquio no Piñeiro queren agradecer a colaboración do Concello de Brión e da Piscina Municipal de Brión na organización desta proba deportiva, así como as achegas realizadas polas distintas empresas patrocinadoras, en especial a empresa de nutrición deportiva NutriSport.