O tenente alcalde, José Ramón Martínez, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, fixeron entrega dos trofeos.
Canteras El Pozo proclamouse campión da 35ª edición do Campionato de Peñas de Fútbol “Concello da Laracha” tras vencer na final por 2-1 a Sporting Laracha.
O encontro disputouse o pasado sábado no Campo Municipal da Laracha e estivo marcado polo intenso calor, xa que a temperatura foi próxima aos 30º durante os noventa minutos.
Canteras El Pozo domiñou xa desde o inicio, mostrándose superior a Sporting Laracha nos primeiros compases e obtendo o premio do gol grazas a un lanzamento directo de falta de Freire no minuto 20. O conxunto de Soandres mandaba no electrónico e tamén continuaba facéndoo no céspede, o que se viu reflexado no 2-0 marcado por Kevin pouco despois do descanso.
Na última media hora do partido Sporting Laracha tratou de impoñer o seu xogo na zona central do campo, adiantou liñas e asumiu o control da posesión. Fufa marcou de cabeza o 2-1 para darlle emoción aos minutos finais. Sen embargo, Sporting Laracha foi incapaz de xerar novas ocasións de perigo.
Canteras El Pozo defendeu ben os balóns aéreos e mesmo puido sentenciar o encontro cunha dobre oportunidade salvada en primeira instancia polo traveseiro e, a continuación, polo gardameta Roberto sobre a liña de gol cunha sensacional reacción tralo remate do dianteiro.
Os trofeos foron entregados polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello.