A estas prazas de atención diúrna súmanse outras 50 residenciais, ás que o Goberno galego destina no seu conxunto máis de dous millóns de euros ao ano
A Xunta de Galicia amplía ás prazas públicas que pon a disposición das familias no centro de día que Aspace Coruña ten en Sada, ata chegar a un total de 43. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, fíxoo hoxe este anuncio durante unha visita ás instalacións que ten esta entidade no municipio coruñés para atender a persoas con parálise cerebral.
A estas 43 prazas para a atención diúrna hai que sumar outras 50 residenciais, ás que a Administración autonómica destina no seu conxunto máis de dous millóns de euros ao ano. Fabiola García destacou o traballo de Aspace por mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade e das súas familias.
A conselleira reiterou o compromiso do Goberno galego de poñer en marcha máis prazas públicas por toda a comunidade. De feito, desde 2009 o número de prazas de atención á discapacidade incrementouse nun 30%, ata chegar na actualidade ás 5.600.
Tamén salientou que neste ano 2022 os orzamentos da Xunta son os máis sociais da historia e que neles a atención á discapacidade ocupa un lugar destacado ao destinarse a este ámbito 142 millóns de euros, un 12% máis que o exercicio pasado.