Saturday 16 de November de 2024

O presidente da Xunta inaugurou hoxe as VIII Xornadas de Arquitectura e Deseño, organizadas polo Clúster da Madeira de Galicia


Indica que a nova lei, que nas vindeiras semanas será remitida ao Parlamento, establecerá por primeira vez a obriga de que as normas urbanísticas dos concellos introduzan e respecten as paisaxes máis singulares e valiosas da súa contorna

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que a nova Lei de solo, que nas vindeiras semanas será remitida ao Parlamento, establecerá por primeira vez a obriga de que as normas urbanísticas dos concellos introduzan e respecten as paisaxes máis singulares e valiosas; e, de igual xeito, tamén exixirá por vez primeira que as construcións en solo rústico se realicen con formas e materiais que aseguren a integración no seu contorno.

Así o avanzou na inauguración das VIII Xornadas de Arquitectura e Deseño, organizadas polo Clúster da Madeira de Galicia, onde remarcou a necesidade dun novo marco normativo que contribúa á construción colectiva dun territorio ordenado e protexido que actúe como activo económico e unha fonte segura de calidade de vida.

O mandatario galego sinalou que nesta liña vai dirixido o Atlas das Paisaxes Galegas, que delimita as 12 grandes áreas e 50 comarcas paisaxísticas que configuran a xeografía de Galicia. E ao respecto, indicou que mañá comezará un programa de participación pública destinado a recabar, durante dous meses, a implicación da poboación no maior estudo realizado nunca sobre paisaxes galegas.

Será a través de obradoiros, roteiros, ferramentas dixitais e moitas outras canles que se abrirán á cidadanía para que poida participar no proceso de identificación dos lugares máis singulares e valiosos que cómpre preservar e defender.
O aproveitamento dos recursos forestais
Feijóo subliñou que a ordenación territorial de Galicia é unha das prioridades da Xunta, para o que xa aprobou instrumentos normativos como as Directrices de Ordenación do Territorio ou o Plan de ordenación do litoral. E, nese ámbito, destacou a importancia de acadar un correcto aproveitamento dos montes galegos como fórmula para lograr un triplo obxectivo: a dinamización do rural, a xestión sustentable da nosa riqueza natural e a redución significativa dos lumes.

O titular da Xunta apuntou que Galicia é a primeira potencia forestal do Estado e a novena a nivel europeo. E agregou que a industria da madeira na Comunidade agrupa un total de 3.000 empresas, mantén 70.000 empregos directos e representa o 3,5 por cento do PIB autonómico. Por todo iso, avogou pola necesidade de apostar por este sector como unha das forzas tratoras da recuperación económica.