Tuesday 03 de December de 2024

A Xunta lanza unha consulta a concellos, empresas e xestores para optimizar as novas ordes de axudas en materia de residuos, ás que destinará máis de 20M€


— Ángeles Vázquez sinala que o obxectivo é detectar proxectos que contribúan a implementar as liñas de actuación a seguir para cumprir coas esixencias europeas neste eido e axudar a identificar aos potenciais beneficiarios dos fondos dispoñibles

— Desde mañá e durante un mes, estará aberto un proceso participativo para recibir suxestións sobre as próximas convocatorias e garantir a súa máxima eficiencia

— As entidades interesadas poderán obter ata o 90% do custo necesario para executar iniciativas para desenvolver a normativa de residuos e fomentar a economía circular

— O Goberno galego quere darlle continuidade ás 5 ordes de axudas convocadas nos últimos meses e grazas ás que xa leva concedidos máis de 7 M€ a entidades locais

A Xunta lanzará a partir de mañá unha consulta aberta á participación de concellos, empresas e entidades, tanto públicas como privadas, e xestores de residuos co obxectivo de optimizar as novas ordes de axudas que ten previsto publicar este ano grazas aos 20 millóns de euros dos que disporá Galicia, como mínimo, para apoiar proxectos que contribúan ao desenvolvemento da normativa en materia de residuos e ao fomento da economía circular.

Coincidindo coa publicación hoxe no DOG da resolución pola que se convida aos posibles beneficiarios a amosar o seu interese por estas subvencións, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu no Gaiás un encontro informativo para dar a coñecer a iniciativa impulsada polo seu departamento ante os principais colectivos e institucións aos que vai dirixida.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, a conselleira agradeceu aos 60 asistentes —alcaldes, concelleiros e técnicos municipais, responsables de Ecoembes e Ecovidrio, e representantes do Clúster de solucións medioambientais (Viratec) e de Foroesgal, entre outros— o seu interese e implicación sempre que se trata de impulsar medidas que contribúan a mellorar a xestión dos residuos en Galicia.

Tal e como explicou, o obxectivo da manifestación de interese publicada hoxe —un procedemento que permite pulsar de forma directa a opinión das entidades interesadas na Comunidade, recollendo suxestións e datos sobre as súas necesidades reais— é detectar novas iniciativas e medidas concretas que contribúan a implementar as liñas de actuación a seguir para cumprir coas esixencias da normativa sectorial de residuos e axuden a identificar, á vez, aos posibles beneficiarios.
A tal fin, Ángeles Vázquez explicou que a Consellería manterá aberta esta consulta desde mañá e ata o 12 de agosto para recibir suxestións sobre o marco e contido das ordes de axudas que prevé convocar neste eido, garantindo así a súa máxima eficacia e eficiencia. Deste modo e atendendo á información que se recolla, concretaranse as liñas estratéxicas das actuacións a subvencionar, os mecanismos de financiamento, os parámetros técnicos que deberán rexer a avaliación e selección de proxectos, e as entidades interesadas en desenvolvelos, como destinatarias das axudas.

O obxectivo, engadiu a conselleira, é garantir que os fondos que xestionará neste eido a Xunta se destinen ao desenvolvemento de proxectos públicos e privados axeitados e en liña coas necesidades e a “singularidade” da Comunidade en materia de residuos.

Poden participar como interesados na consulta e polo tanto, optar a ser futuros beneficiarios das axudas, concellos e outras administracións locais, entidades xurídicas, tanto públicas como privadas, ou xestores de todo tipo de residuos.

Para iso, pediráselles o seu parecer respecto dos conceptos subvencionables, prazos de execución e requisitos técnicos, entre outras cuestións, así como que acheguen, se os teñen, proxectos concretos a executar en materia de residuos. O financiamento máximo que se poderá conceder a través das futuras axudas non excederá do 90% do custo total de cada actuación, que deberá estar terminada antes do 31 de decembro de 2026.

Apoio da Xunta para cumprir as esixencias sectoriais
A Unión Europea está a establecer obxectivos e requisitos cada vez máis esixentes no que respecta á xestión dos residuos e á sostibilidade dos modelos que se implementan a tal fin, en liña co que demanda a propia sociedade. Por este motivo, a Xunta colabora cos axentes implicados para garantir a consecución dos obxectivos da normativa sectorial, un fin no que se enmarca tamén esta manifestación de interese.

Ademais, a consulta servirá para definir as próximas liñas de subvención coas que o Goberno galego aspira a darlle continuidade ás 5 ordes de axudas convocadas nos últimos meses por 22 millóns para apoiar a implementación da normativa de residuos e en virtude das cales xa leva concedidos máis de 7 millóns en axudas a entidades locais.

A maior contía asignada ata agora —4,82 millóns de euros— ten como fin apoiar actuacións para mellorar a xestión dos biorresiduos, cuxa recollida separada ten carácter obrigatorio desde o 30 de xuño para os concellos de máis de 5.000 habitantes en virtude da Lei de residuos estatal. Neste sentido, cómpre lembrar que o Goberno central fixou prazos máis restritivos que os da directiva comunitaria para introducir o quinto contedor a nivel municipal, o que na práctica supón para os concellos galegos dispoñer dun ano e medio menos para implantar no seu sistema esta nova fracción.