Friday 22 de November de 2024

Bermeo Urdaibai e Orio Orialki erguen a bandeira de gañadores na fin de semana de traiñeiras na Coruña


A enseada do Orzán acolleu esta mañá a segunda e última xornada do trofeo Bandeira Cidade da Coruña, no contexto da terceira e cuarta xornada dos calendarios da Eusko Label Liga e a Euskotren Liga de traiñeiras.

A primeira das regatas, que puxo en xogo a V Bandeira Cidade da Coruña​ entre as catro tripulacións da Euskotren Liga, comezou ao mediodía coa embarcación de Orio Orialki como o rival a bater, líder tras a primeira xornada. Na de hoxe, Donostia Arraun Lagunak quedou en primeiro lugar (10:56.70), seguido de preto por Orio Orialki, gañadora final da V Bandeira Cidade da Coruña aproveitando o bo resultado colleitado onte, que permitiu á tripulación de Orio ser a vencedora final desta fin de semana na Coruña, con cinco segundos de vantaxe sobre Donostia.

Posteriormente, as tripulacións masculinas comezaron a súa loita definitiva pola VI Bandeira Cidade da Coruña, que confirmou a Bermeo Urdaibai como a gañadora, tras dar o primeiro paso cara a vitoria este sábado, na primeira xornada. Cun tempo final de 20:10,88, Bermeo deu continuidade ás boas sensacións de onte e alzouse tamén hoxe co triunfo, por riba da embarcación de Amenabar Donostiarra Ur Kirolak 100 (20:12,70) e Matrix Hondarribia (20:15,34). Os representantes galegos na competición, o Club de Remo de Ares (20:38,50) e o Club de Remo de Cabo da Cruz (20:50,96), remataron no décimo e décimo segundo posto.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, participaron no acto de entrega das bandeiras ás embarcacións gañadoras, que despediu esta fin de semana da liga de traiñeiras na cidade, na que foi a primeira parada do torneo en Galicia no contexto desta tempada. A competición volverá o vindeiro ano á Coruña, en virtude do acordo de colaboración establecido entre o Concello, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, e a Asociación de Clubes de Traineras (ACT)​.