Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño e Nuestra Señora de Chamorro buscarán fórmulas de colaboración entre ambas entidades


Un grupo de persoas usuarias da asociación utilizará a piscina municipal durante as mañás de dous días de agosto

Secundino García e a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, reuníronse este mediodía no Concello coa xerente da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Rocío Coira, para acordar a cesión da piscina municipal durante dúas mañás do mes de agosto co obxectivo de que un grupo de 18 usuarias e usuarios poidan facer actividades na auga. A asociación, con sede en Narón, leva case 60 anos favorecendo a inclusión de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, ademais de ofrecerlles apoio ás súas familias. García e Bellas comprometéronse no encontro de hoxe a visitar as instalacións da asociación para coñecer de preto todo o labor que desenvolve e, a partir de aí, ver as posibles fórmulas dunha colaboración estable entre ambas entidades.

A solicitude da xuntanza por parte de Nuestra Señora de Chamorro centrábase inicialmente en presentar a asociación e en saber se o Concello podería ceder a piscina o mércores 17 e o luns 22 de agosto entre as 9:30 e as 13:30h para que un grupo de persoas dos seus talleres poida gozar de exercicios e xogos no vaso contando con servizo de socorrismo e na compaña do equipo de monitoraxe da entidade. A petición tivo boa acollida no Concello polo seu contido eminentemente social e porque existe a posibilidade de encaixala na programación dos cursos de natación e do uso semanal reservado á Aldea de Verán.

Porén, a xuntanza deste mediodía tamén serviu para coñecer con máis detalle cal é a misión e cales son os servizos que ofrece esta asociación nacida en 1964 por iniciativa de varias nais e pais de persoas con discapacidade intelectual. Neste sentido, o obxectivo principal de Nuestra Señora de Chamorro é contribuír á súa inclusión “como cidadanía de pleno dereito, proporcionándolles apoios e oportunidades desde un compromiso ético”, segundo se explica na web da entidade.

Así, o colectivo conta cun centro ocupacional, centro de día, unha aula de educación -para idades de entre 16 e 21 anos- e unha vivenda (La Casita) onde sete persoas con discapacidade intelectual poden facer vida independente, aínda que “recibindo os apoios necesarios en función das súas características e plantexamentos persoais”.

Os servizos que presta atenden á actividade de lecer e deportiva inclusiva (aí entrarían as dúas xornadas na piscina de San Sadurniño); os itinerarios de emprego e prospeccións laborais; o apoio psicolóxico e pedagóxico nun nivel intelectual, cognitivo, emocional e social; a terapia ocupacional; o coidado da saúde e, de maneira transversal, un servizo de traballo social que fomente o benestar das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e que lles ofreza asistencia ás familias “para previr e atender as dificultades e/ou carencias de ambos e darlle resposta ás súas necesidades e expectativas”.

De par da asociación tamén se encontra a Fundación Chamorro, con capacidade para exercer o cargo de titora, curadora e outras figuras de garda cando non existen persoas no entorno familiar coa capacidade ou a posibilidade de asumir esa responsabilidade. A fundación tamén ofrece orientación e asesoramento nesta cuestión tanto a familias como a persoas coidadoras ou institucións e entidades que teñan esa encomenda.

Durante a reunión mantida este mediodía, á que tamén asistiu o técnico de Cultura Agustín Pérez, tanto Secundino García como Araceli Bellas trasladáronlle á xerente da asociación o interese municipal en estreitar as relacións con Nuestra Señora de Chamorro, de cara a iniciar unha colaboración máis permanente. Neste sentido Rocío Coira convidou aos responsables municipais a visitar as instalacións situadas na parroquia naronesa do Val para ver en persoa o labor que alí se desenvolve e analizar con detemento as fórmulas de cooperación que se poderían establecer entre as dúas entidades.