A próxima semana comezará a instalación de oito novas estacións, que chegarán ata as 55 antes de final de ano
O servizo municipal de bicicletas BiciCoruña sumou desde a súa renovación completa 1.196 altas das que 300 se corresponden con novos usuarios. O martes 12 de xullo instaláronse as novas bicicletas nas diferentes estacións da cidade e activouse a nova páxina web e a nova aplicación móbil.
Desde entón, o servizo recibiu numerosas altas, atraídas pola incorporación das bicicletas eléctricas. Desde o martes hai instalado un punto de información permanente na estación de BiciCoruña do Obelisco e persoal de EMVSA percorre de maneira itinerante o resto de estacións para resolver dúbidas das persoas usuarias. Ademais, o Concello tamén reforzou as súas redes sociais neste sentido para atender de maneira instantánea á cidadanía.
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, confirmou esta mañá que a próxima semana comezará a instalación de oito novas estacións de BiciCoruña. Trátase de Durmideiras, Mestranza, Cidade Escolar, Orillamar, Rolda de Nelle, Picavia, Ágora e Parque do Agra. Está previsto que antes de finalizar o ano sexan 55 as estacións dispoñibles para a cidadanía.
“O Goberno de Inés Rey busca con esta nova BiciCoruña unha mobilidade máis sostible na cidade e fomentar hábitos saudables na cidadanía”, sinalou Díaz Gallego. O concelleiro tamén pediu paciencia ás persoas usuarios ou interesadas en selo cos cambios no sistema e lembrou que as persoas con tarxeta Millennium e xa dadas de alta en BiciCoruña teñen que rexistrarse en bicicoruna.gal para migrar os seus datos e poder retirar as bicicletas das estacións coa propia tarxeta. Os novos usuarios tamén terán que acceder primeiro a ese enderezo web para rexistrarse e escoller unha das dúas tarifas.
Tamén está dispoñible a aplicación móbil PBSC (Public Bike System Company) tanto en Android como iOS. Nela deberán seleccionar como servizo BiciCoruña e atoparán todas as indicacións necesarias para retirar bicicletas e información de utilidade como a dispoñibilidade de bicicletas nas estacións.
O concelleiro destacou que os usuarios que xa estaban operativos co sistema anterior sumaránselle á súa data de caducidade 52 días: 30 días polo tempo que estivo parado o servizo, 15 días de compensación por ese parón e 7 días máis para poder facer a migración.
O novo BiciCoruña
A renovación do sistema de BiciCoruña supón a incorporación de 514 bicicletas novas, das que 172 son eléctricas e 342, mecánicas. As novas bicicletas eléctricas superarán en cifras o total que había en circulación ata o de agora. Ademais, haberá un total de 990 puntos de estacionamento, con base de carga, repartidos en 55 estacións cunha capacidade mínima de 15 postos. Trátase de estacións modulares robustas e cun sistema antivandalismo. A estrutura non require obra civil, polo que son moi versátiles e permiten unha rápida instalación ou traslado.
Haberá dúas modalidades de pago: unha anual e outra ocasional. A anual terá un custo de 40 euros (3,33 euros ao mes). Non haberá pago por minuto nas bicicletas mecánicas, mentres que nas eléctricas o seu uso será gratuíto ata os 20 minutos, sempre e cando se teña posesión do abono anual mais este cargo no se fará efectivo ata 2024. A partir desa franxa, o seu custo será dun céntimo por minuto, en tramos de dez minutos, ata chegar aos sesenta, tempo límite de uso continuado do servizo. A partir dese momento, cobrarase unha recarga de 5 euros por hora para evitar un uso indebido de BiciCoruña. Cabe destacar que con este plan as persoas usuarias poderán volver retirar unha bicicleta dez minutos despois de usala, sen recargas adicionais.
Por outra banda, créase unha modalidade ocasional ou turística, que servirá para dar resposta á demanda das persoas que están de paso na cidade. O seu prezo será de 10 euros e permitirá usar a bicicleta durante un mes. Nesta modalidade, as bicicletas mecánicas terán un custo por minuto de 0,015 euros, mentres que o das eléctricas será de 0,03 euros por minuto. O uso máximo nesta modalidade será de dúas horas, pero non permitirá volver retirar a bicicleta da estación unha vez depositada.