O Concello de Carballo vén de rexistrar unha decena de alegacións ao proxecto do parque eólico Monteagudo, que está a tramitar a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo, e que prevé a instalación no noso concello de 4 aeroxeradores de 125 metros de altura e 149 de diámetro de rotor, 4 centros de transformación montados dentro das torres dos aeroxeradores, unha subestación eléctrica que se conectaría a unha nova liña de alta tensión de 66 kV, rede eléctrica, de comunicación e de terras, e un edificio de control de 600 metros cadrados de superficie.
Por unha banda, segundo o informe técnico elaborado polos servizos municipais, no proxecto sectorial exponse erroneamente que todas as infraestruturas do parque eólico quedan fóra da zona delimitada polo Plan de Ordenación do Litoral (POL), xa que un aeroxerador estaría dentro do ámbito do POL.
Tampouco se recolle no documento que está a tramitar a Xunta a existencia dunha vivenda situada a 497 metros dun aeroxerador, cando, segundo a lei, a distancia mínima debe ser de 500 metros.
Así mesmo, o Concello de Carballo pide que se teña en conta que os posibles usos do solo na área afectada quedarían vinculados ao parque eólico, “sen que se poida realizar sobre dita superficie ningún outro uso ou aproveitamento forestal, polo que se deberá ter en conta esta superficie á hora de computar as afeccións sobre as parcelas”.
Entre outros aspectos, o informe técnico alude á instalación dunha torre meteorolóxica que, malia estar ligada ao proxecto e contar xa con licenza, non figura na documentación. Tamén se fai referencia ao impacto visual da instalación, que sería visible “claramente” dende o espazo natural de Baldaio, e afectaría, polo tanto, a unha zona de especial protección. De igual xeito, da análise de parpadeo de sombras dedúcese que 68 edificacións superarían o umbral das 30 horas anuais, polo que sería preciso incluír un plan de seguimento e control.
O Concello de Carballo tamén vén de emitir un informe sobre o proxecto do Parque Eólico Pedraqueimada, que se situará nos concellos de Arteixo e A Laracha e cuxa afección ano noso concello limítase á subestación eléctrica de Monteagudo, que é obxecto doutro proxecto independente.