Friday 22 de November de 2024

Recepción a Xan Lamas tras acadar 10 medallas, entre elas un bronce no Campionato de España de Apnea Indoor


Evencio Ferrero ofreceulle unha recepción na Alcaldía acompañado polo concelleiro Luis Lamas, orgulloso pai do deportista

O alcalde, Evencio Ferrero, ofreceulle hoxe unha recepción oficial ao deportista Xan Lamas Serrano, que esta temporada acadou un total de 10 medallas, entre elas un bronce no Campionato de España de Apnea Indoor e tres ouros e unha prata no galego. O deportista carballés agradeceu o apoio do Concello de Carballo e a colaboración do persoal das piscinas para realizar os adestramentos.

No acto tamén participou o concelleiro Luis Lamas, aínda que nesta ocasión a súa presenza non foi tanto como membro do goberno municipal como por ser o orgulloso pai do deportista. E non é para menos, como podes comprobar nesta relación de premios:
• Campionato Cataluña: prata en apnea dinámica e bronce en dinámica sen aletas
• Campionato País Vasco: prata en dinámica bi-aletas
• Campionato Cantabria: ouro en dinámica e bronce en estática
• Campionato Galicia: prata en estática e tres ouros en dinámica, dinámica bi-aletas e dinámica sen aletas
• Campionato de España: bronce en dinámica sen aletas

A progresión do deportista carballés, que leva 10 anos practicando a pesca submarina e só 5 facendo apnea, é espectacular. Ademais das dez medallas acadadas esta tempada, Xan Lamas conseguiu o récord galego en apnea dinámica con bi-aletas cunha distancia de 159 metros.