Saturday 16 de November de 2024

A Coruña presenta a súa candidatura para ser sede do Mundial 2030 de fútbol


En caso de ser escollido, levaríase a cabo unha ampliación do estadio de Riazor para chegar ata as 40.000 localidades e incorporar numerosas melloras

O Concello da Coruña presentou este xoves 14 de xullo a súa candidatura para ser unha das sedes do Mundial 2030 de fútbol, dentro da proposta conxunta de España e Portugal. O Goberno local aposta deste xeito por posicionar á cidade nun dos grandes acontecementos deportivos globais, un enorme foco turístico e de visibilidade.

Para conseguir ser unha das 11 sedes seleccionadas por dita candidatura, o Goberno municipal de Inés Rey comprometese a levar a cabo unha reforma e ampliación do estadio municipal, sempre que a candidatura ibérica sexa a gañadora. Os traballos suporían que esta infraestrutura de titularidade local pasaría a ter a unha capacidade de máis de 40.000 espectadores.

O Concello da Coruña estivo representado polo coordinador municipal, Gonzalo Castro na xuntanza de avaliación das sedes candidatas convocada este mércores pola Real Federación Española de Fútbol. O Goberno local destacou a excelente situación do estadio para acoller partidos de fútbol grazas ás múltiples conexións existentes e atopándose no conxunto urbano da cidade.

Paralelamente ao proxecto de reforma, propoñerase a reurbanización da contorna de Riazor, mellorando a súa integración co Paseo Marítimo entre outros aspectos. O edificio terá que adaptarse á normativa FIFA, o que supón unha actuación xeral para dotalo dunha maior accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Levaranse a cabo outras actuacións nos distintos servicios do estadio, como os vestiarios ou os aseos, ao fin de que o recinto teña a calificación de 4 estrelas que outorga o estamento futbolístico.

En canto á ampliación ata as 40.000 localidades, a proposta municipal suporá a actuación sobre as gradas de Marathón e Tribuna. Na primeira, volverase a integrar a torre no conxunto do estadio, xa que é un elemento patrimonial catalogado. O paso entre Manuel Murguía e a avenida da Habana pasaría a ser cuberto. Esta actuación tamén suporía a creación dun aparcadoiro interior para autoridades e deportistas e salas de uso por definir.

Por outra banda, na grada de Tribuna a ampliación suprimiría a beirarrúa e un dos carrís da rúa Manuel Murguía. Por último, proponse tamén a rebaixa da cota do terreo de xogo, creando unhas cinco filas de asentos por grada.

Con todas estas actuacións está previsto que o estadio alcance unha capacidade estimada de 40.200 persoas. A Coruña posiciónase deste xeito como unha das cidades que acollería a competición futbolística máis importante do mundo, unha aposta decidida do Goberno de Inés Rey pola celebración de grandes eventos que se traduzan nun importante retorno económico.