Saturday 16 de November de 2024

A imaxe corporativa do Concello da Pobra, recoñecida no Galicia Design Week


O festival de deseño pioneiro da comunidade, Galicia Design Week, amosa na cidade da Coruña traballos significativos do deseño galego xunto con referentes internacionais. A imaxe corporativa do Concello da Pobra do Caramiñal foi seleccionada como #futurodeseñogalego dentro do apartado Showcase. O traballo permanece exposto no Palexco no período comprendido entre o 24 de xuño e o 17 de xullo. O dito certame está organizado por Galicia Design e Follow coa Asociación Galega de Deseño, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o Clúster da Comunicación de Galicia e DIDAC como entidades socias. Patrocinan Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Turismo da Coruña.

A maiores, destacou como un dos mellores proxectos de fin de grao na EASD Ramón Falcón dos máis de cen presentados no 2020.

A identidade corporativa supuxo a unificación de tódalas versións distintas que se foron empregando ao longo dos anos nas distintas concellarías. Canto á tipografía, optouse pola Roboto, con formas suaves e redondeadas, e seis pesos (Black, Bold, Medium, Regular, Light e Thin), para facer que sexa adaptable e lexible en calquera tipo de soporte. Con relación á gama cromática, escolléronse cores que predominan nas fotografías aéreas do municipio: o azul verdoso da natureza; o salmón, polos tellados das casas; e o amarelo, polos areais do municipio.