A alcaldesa solicitou axudas para as empresas coruñesas que presentaron propostas no marco do Plan de Resiliencia
O encontro é resultado do diálogo constante co Goberno de España, co obxectivo de consolidar A Coruña como polo industrial de referencia
Inés Rey recibiu esta mañá ao Secretario Xeral de Industria e PEME do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Raúl Blanco, para manter unha reunión sobre o futuro industrial e empresarial da cidade.
A alcaldesa trasladoulle a demanda de apoio ao polo industrial da Coruña a través dos Fondos Europeos para o mantemento do emprego. Rey sinalou que son moitas as empresas coruñesas que están a presentar propostas no marco do Plan de Resiliencia, polo que demanda apoio do goberno de España aos seus proxectos para seguir consolidando o emprego na Coruña.
A rexedora atopou receptividade por parte do goberno no obxectivo de impulsar e apoiar os proxectos empresariais con sede na Coruña, tanto no termo municipal como na área metropolitana. O encontro produciuse no marco de diálogo constante co goberno de España co obxectivo de consolidar A Coruña como polo industrial de referencia, froito do compromiso de Inés Rey pola innovación industrial con proxectos como a Cidade das TIC. Ademais, a alcaldesa trasladoulle que o Concello da Coruña está a realizar un estudo de proxectos industriais orientado a mocidade e Start-Up, que se presentará antes de finalizar o ano co obxectivo de dar apoio a novas iniciativas empresarias no termo municipal.