O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron unha nova campaña de comunicación e marketing co obxectivo de mellorar a promoción dos establecementos e empresas da cidade especialmente comprometidos coa calidade, en concreto aqueles que contan coa distinción do Sistema Integral de Calidade en Destino (Sicted).
A campaña diríxese tanto a poboación local como aos turistas e visitantes. Para iso crearanse perfís específicos en diferentes redes sociais para a difusión a de contidos destinados ao público final, tanto escritos como visuais, incluíndo imaxes e pequenos vídeos. Crearanse canles en Facebook, Twitter, Instagram, LinkedIn e Whatsapp para chegar ao maior número posible de persoas.
Con esta campaña, que se desenvolverá ata finais de ano, ademais da viralización e consecuente mellora do posicionamento on-line de cada un dos negocios e empresas implicados, búscase afondar na imaxe de Santiago de Compostela como destino de calidade no seu conxunto.
Turismo de Santiago comezou a traballar co Sicted no ano 2001, cando solicitou ser Destino Piloto do proxecto, no que actualmente participan 237 destinos de toda España. Este compromiso foi recoñecido na pasada edición de Fitur, cando a cidade recibiu o diploma que acredita os 20 ano de adhesión ao programa de calidade.
O Sicted supón a implantación dun sistema de boas prácticas dirixido á maioría dos subsectores e servizos que teñen relación co turismo, para o cal desenvolvéronse manuais para 36 tipoloxías de empresas e servizos.
No 2021 ano traballouse con 130 empresas e entidades, 28 entidades máis que en 2020. Como resultado deste labor, conseguíronse 108 distincións de calidade do Sicted, 24 máis que 2020. Estes datos amosan que o sector turístico de Santiago está a facer un esforzo moi importante para manter os niveis de calidade.
Ademais, Santiago é actualmente a cidade galega con mellores resultados e repite o segundo lugar como destino de España con maior número de distincións “Preparados Covid-19”, con 94. Trátase dunha distinción que garante o estrito cumprimento das Boas Prácticas Avanzadas do Sicted para a redución do risco de contaxio no sector turístico.
Como novidade, e de cara ao cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, os establecementos distinguidos en 2020 recibiron formación en materia de sostibilidade, desde os cinco ámbitos da mesma: medio ambiente, cambio climático, social, económico e cultural.