O Mercado Medieval abrirá esta tarde, ás 19.00 horas no parque de Freixeiro. Un centenar de postos permanecerán instalados na zona, onde ao longo da fin de semana se sucederán varios espectáculos en horario de mañá e tarde. O Concello organiza un ano máis esta iniciativa a través da Concellería de Feiras, presidida polo edil Santiago Galego, e que inclúe no seu programa outras propostas para estes días, como o poboado de oficios, un recuncho infantil, atraccións infantís –noria medieval e carrusel-, charlas de artesáns…
Na xornada de mañá os postos reabrirán ás 11.00 horas e ás 11.30 o recuncho infantil e o poboado de oficios antigos. O trasgo Froilán amenizará o percorrido pola zona dende as 12.30 horas e a partir das 14.00 xa se poderá visitar a zona de degustación e gozar dos manxares que se servirán á clientela. Pola tarde o Mercado volverá a estar operativo a partir das 19.00 horas e media hora máis tarde o recuncho infantil e o poboado de oficios para, ás 20.00 horas, levar a cabo o Gran pasarrúas de inauguración coa participación de todas as compañías, músicos, personaxes fantásticos… Ás 21.15 horas regresará a música da man de Treefolk e tamén terá lugar o espectáculo de Luisete, abrirá as súas portas o “Rataurante” e poderanse ver personaxes míticos, un particular peregrino e a actuación de Tartaruga Teatro. Ás 00.00 horas programouse o pasarrúas de peche con Malverok o Gran Dragón, e un espectáculo de pirotecnia, lume, fume… no que tamén actuará a formación Treefolk.
A programación ao completo dos catro días nos que se poderá visitar o Mercado Medieval de Narón, ao que dende o Concello animan a acudir, pódese consultar a través da web: www.naron.es.