Saturday 16 de November de 2024

O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición nun curso de Fontanería


A concellería de Formación, dirixida pola edil Natalia Hermida, convoca un curso de Fontanería a través do Programa Municipal de Formación. A convocatoria diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, que non teñan concedido outro curso do programa municipal de formación coincidente temporalmente na realización, entre outros requisitos. A edil naronesa avanzou que se ofertan un total de quince prazas e que as persoas interesadas en inscribirse poderán facelo dende mañá ás 08.30 ata 22 de xullo ás 13.00 horas. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da Sede Electrónica de Narón ou polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A acción formativa consta dun total de 450 horas máis 15 de módulos adicionais e impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara e nas instalacións das empresas colaboradoras en prácticas. As sesións terán lugar do 1 de agosto ao 15 de decembro, en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 de luns a venres e as prácticas en empresas serán cinco horas ao día no horario que se determine.
O alumnado abordará entre os contidos a Prevención de riscos laborais, interpretación de planos, materiais, ferramentas, equipos de medida, instalacións tipo, dimensionado de instalacións, tubaxes e técnicas de mecanizado e unión, montaxe de aparatos sanitarios e billas, mantemento e reparación de avarías… Así mesmo, realizarán 15 horas de módulos transversais de orientación, igualdade e emprendemento e 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas do sector.

As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e o listado provisional de admitidos, suplentes e excluídos publicarase na Sede Electrónica do Concello de Narón. O alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión, para a confirmación da plaza e terá que comprometerse a cumprir as normas do curso, incluída a normativa en materia de seguridade e hixiene.

Para recibir máis información pódese consultar a páxina web do Concello –apartado de Formación-, a Sede Electrónica, ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).