A actuación de De Vacas será o prato forte dunha programación que inclúe actividades para todas as idades
O Concello de Cabanas anunciou esta mañá a programación das Festas de Santa Marta, que se celebrarán entre os días 29 e 31 de xullo no Paseo da Madalena. Serán tres días marcados pola música, a cultura, as sesións vermú, a feira e as actividades deportivas e interpretativas
Programación Festiva
A programación festiva iníciase o venres 29 de xullo coa celebración de Santa Marta Pequena en horario de tarde, coas crianzas como protagonistas. A Eira do Paporrubio abrirá as festas ás 16.30 horas, para despois deixar paso ao “Concertaso na Horta” de Brais das Hortas ás 18.30 horas e A Gramola Gominola ás 20.00h con “As que máis molan da Gramola”. Xa pola noite serán De Vacas quen poñan a nota musical co seu retranqueiro “Tour Vacanal”.
O sábado 30 de xullo haberá unha sesión vermú ás 13.30h con Vand 4, e xa pola noite decorrerán as actuacións de Mekanika Rolling Band ás 21.00h e Os Mecánicos na Movida dos 80 ás 23.00h.
Finalmente, o domingo 31 de xullo ao mediodía celebrarase unha nova sesión vermú ás 13.30h coa actuación de Bitch Boys, e a partir das 19.00h celebrarase a segunda edición da Troula da Verba, un festival impulsado por Lúa Vila e Marcos Filgueiras no que a palabra é a protagonista, e que inclúe ámbitos como a poesía (coa presenza das poetisas Alejandra Bellón, Carmen Martínez e Eva Veiga), a narrativa (Uxía Castro e Roque Sanfiz), a narrativa (José Fonte Sardiña e Juan José Lada Vilariño) e a música (coas actuacións de Guti GZ, César Morán, Isma Taboada).
Feira de artesanía e alimentación
Entre o venres 29 e o domingo 31 de agosto, en horario de 11 a 21 horas, celebrarase ao longo de todo o Paseo da Madalena a Feira de Santa Marta, cun cento de postos nos que destaca a presenza da artesanía e a alimentación, mais nos que tamén haberá espazo para outros elementos.
Campionato 3 x 3
Durante os tres días das festas tamén terá lugar o tradicional campionato 3 x 3 de baloncesto na pista do Parque do Areal, para o que se veñen de abrir as inscricións. Os equipos que se queiran anotar deben inscribirse enviando un correo a tresportrescabanas@gmail.com no que debe constar o nome completo, data de nacemento e DNI das tres persoas do equipo, así como tamén o número de teléfono do/a capitán/a, e indicar se o a equipa é masculina, feminina ou mixta.
Roteiros e exposición no Centro de Interpretación do Medio Mariño
O Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas tamén sacará á rúa durante as festas unha exposición con paneis didácticos que destacan a riqueza paisaxística de Cabanas, e a labor que desenvolven as xentes do mar ligadas ao medio.
Ademais, levaranse a cabo dous roteiros interpretativos, un o venres 29 de xullo ás 18.00h polo litoral de Cabanas para desfrutar da súa impoñente posta de sol, e outra o domingo 31 de xullo ás 9.30 horas polo esteiro do Eume e as Fragas do Eume. En ambos casos, é preciso inscribirse a través do correo cimm@cimmcabanas.gal ou no 674 357 478.