No 16 de xullo comezan as viaxes en veleiro con saída dende A Pobra do Caramiñal para dar a coñece-lo patrimonio medioambiental, marítimo e paisaxístico dunha maneira diferente. Con esta actividade, a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), afianza a súa aposta polo turismo náutico.
O Mascato partirá nos sábados e domingos dos meses punteiros da época estival. Concretamente, as seguintes excursións serán nos días 17, 23, 24, 30 e 31 de xullo; e 6, 7, 13, 14, 20 e 21 de agosto. A duración do traxecto é dunha hora e media e as travesías serán en quenda de mañá e de tarde: ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas.
O importe a pagar é de 15 euros para persoas adultas e de 10 euros para menores de 12 anos, con desconto para as familias.
A cabida está limitada a 10 prazas, que se deberán reservar previamente no punto de información turística -situado na Casa Mariñeira-, no enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835.