Ao abeiro da terceira campaña do programa de autocompostaxe en vivendas unifamiliares, a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular é a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), organizou unha charla formativa dirixida ás dúas novas ducias de fogares participantes sobre o uso dos composteiros individuais dos que xa dispoñen. O coloquio desenvolveuse na tarde deste 8 de xullo, no teatro cine Elma, a cargo dun biólogo ambiental de Ventos Estudos Ambientais, quen asumirá o seguimento do proceso da compostaxe.
Esta terceira remesa estivo financiada cunha subvención de 13 630’63 euros da cal resultou beneficiaria a Administración local, enmarcada nas axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reduci-las emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan estatal marco de xestión de residuos (Pemar).
Complétanse así as tres campañas co repartimento de 160 colectores. O obxectivo é fomenta-la sustentabilidade na xestión da materia orgánica na orixe, cuestión que redunda en beneficios medioambientais e económicos ao verse reducido o peso da fracción do resto depositada nos contedores xenéricos e, polo tanto, a cantidade de lixo para tratar por parte de Sogama.