Friday 22 de November de 2024

Ángeles Vázquez salienta que a Bandeira Azul do Real Club Naútico da Coruña recoñece a calidade dos seus servizos e a aposta pola educación ambiental


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe no acto de presentación da bandeira azul outorgada ao Real Club Náutico da Coruña, un dos 11 portos deportivos galardoados este ano en Galicia pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) e do que salientou, sobre todo, a calidade dos seus servizos así como a súa aposta polo coidado da contorna e polas accións divulgativas no eido da educación medioambiental.

“É un xusto e merecido recoñecemento ao seu labor”, declarou a responsable autonómica en presenza do presidente do Náutico coruñés, Fernando Cobián, subliñando que son, precisamente, a calidade e a excelencia do traballo desenvolvido por esta institución nos últimos anos, os seus principais avais para lograr este distintivo de carácter internacional.

Ademais, o seu labor na procura dun turismo “sostible e responsable”, segundo dixo a conselleira, supón tamén un bo exemplo do equilibrio que busca a Xunta entre a protección dos recursos naturais que alberga a Comunidade e o seu aproveitamento e desfrute público a través de propostas recreativas ligadas ao mar e á natureza.

Neste sentido, lembrou que Galicia recibiu este ano un total de 166 bandeiras azuis para distinguir a calidade e a excelencia doutras tantas praias, centros de visitantes e de educación ambiental, sendeiros peonís e tamén instalacións portuarias. Unhas cifras que, segundo indicou, “consolidan” a súa posición entre as comunidades españolas que conseguen cada ano un maior número de distintivos azuis, xunto a Valencia e Andalucía.