O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en compañía de responsables de FSC (Forest Stewardship Council) España e Portugal, visitou os parques da cidade portuguesa de Sintra. Os responsables da empresa pública Parques de Sintra – Monte da Lua, S.A., explicaron á delegación de Santiago detalles sobre a conservación da biodiversidade dos montes urbanos de Sintra, en canto que experiencia singular de xestión forestal responsable acreditada coa certificación FSC.
O alcalde aproveitou a súa estancia na cidade lusa para manter un encontro cos responsables de FSC para España, Silvia Martínez, e para Portugal, Joana Faria e Miguel Soares, na que se trataron diferentes asuntos arredor da xestión da biodiversidade e as vantaxes da certificación FSC. O prato forte da xornada foi o percorrido polos Parques de Sintra – Monte da Lúa para coñecer de preto a súa experiencia e desafíos na xestión de bosques urbanos.
Durante a visita, o alcalde destacou a necesidade de promover espazos que liguen a preservación da biodiversidade local xunto co lecer e o exercicio físico, e sinalou que “é importante reorganizar o espazo público a favor de camiñar ou ir en bicicleta, creando zonas que potencien a actividade física e a saúde”.
Pola súa banda, Silvia Martínez, responsable de FSC España, destacou o valor da certificación FSC tanto para administracións como para particulares: “a certificación de xestión forestal responsable supón o compromiso a longo prazo de adhesión a uns parámetros internacionais de xestión forestal, cuns estándares rigorosos adaptados ao marco e á realidade forestal de cada cidade, que son auditados por entidades certificadoras independentes acreditadas”.
Patrimonio verde de Sintra
A paisaxe cultural de Sintra foi clasificada en 1995 como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A zona conta cun conxunto diverso de valores naturais e culturais, entre os que se encontran o Parque e o Palácio da Pena, os Jardins e o Palácio de Monserrate, o Castelo dos Mouros, o Convento dos Capuchos, o Jardim e o Chalet da Condessa d’Edla, os Palácios Nacionais de Sintra e de Queluz ou a Escola Portuguesa de Arte Equestre.
A empresa pública Parques de Sintra – Monte da Lua, S.A. posúe desde 2016 o certificado internacional de xestión forestal FSC. Este permite certificar os servizos do ecosistema, entendidos como os beneficios que as persoas obteñen da natureza, e acreditar o impacto positivo dunha xestión forestal responsable e sustentable vinculada á protección e conservación do ecosistema.