Friday 22 de November de 2024

A alta competición de traiñeiras volve esta fin de semana á Coruña, cunha dobre xornada na enseada do Orzán


A cidade acolle a disputa do trofeo Bandeira da Cidade da Coruña, proba que forma parte da terceira e cuarta xornadas da Eusko Label Liga e a Euskotren Liga. Será a primeira parada en Galicia nesta tempada de liga

A enseada do Orzán acollerá esta fin de semana, entre sábado e domingo, o trofeo Bandeira da Cidade da Coruña, coa disputa da terceira e cuarta xornada dos calendarios da Eusko Label Liga e a Euskotren Liga de traiñeiras. Tras a celebración das dúas primeiras xornadas en Bilbao e Donosti, A Coruña será a primeira parada en Galicia da liga de traiñeiras nesta tempada.

Esta mañá, o Salón Real do Pazo Municipal de María Pita acolleu o acto de presentación das dúas bandeiras que se entregarán o domingo. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, recibiu ao presidente da Asociación de Clubes de Traineras (ACT), Borja Rodrigo. Inés Rey subliñou a importancia de esta cita, apoiada polo Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos, “porque é un gran aliciente deportivo para A Coruña e, á súa vez, un magnífico atractivo a nivel turístico, que garantiza un retorno económico directo á cidade”. Ademais, a rexedora puxo en valor a capacidade da cidade “para acoller, ano tras ano, grandes eventos de competicións deportivas”.

Borja Rodrigo, presidente da Asociación de Clubes de Traineras (ACT), destacou “o prestixio que supón visitar unha cidade como A Coruña, máis se cabe nunha tempada coa actividade social e cultural tan activa como é o verán”. Por outra banda, Rodrigo puxo en valor as condicións deportivas da cidade de cara ás probas desta fin de semana, “co campo-regata que permite a enseada do Orzán, que xá é un referente e moi respetado polos remeiros, polo seu mar e vento”.

O formato da competición, en dobre xornada
A loita polas bandeiras implicará, por unha banda, ás catro traiñeiras da Euskotren Liga, que competirán pola V Bandeira Cidade da Coruña; e, por outro lado, ás doce traiñeiras masculinas que compiten na Eusko Label Liga —entre as que se inclúen as embarcacións galegas de Cabo de Cruz e o Club de Remo de Ares—, que farán o propio pola VI Bandeira da Coruña.

A primeira xornada terá lugar o sábado. Comezará ás 18.00 horas, cando as catro tripulacións da Euskotren Liga darán o pistoletazo de saída á loita pola V Bandeira Cidade da Coruña. Xa a continuación, terá lugar a quenda de competición das tripulacións masculinas, coa posta en xogo da VI Bandeira Cidade da Coruña

Xa o domingo, na segunda e última xornada da fin de semana, comezará a pugna pola V Bandeira Cidade da Coruña da Euskotren Liga, que se porá en marcha ás 11.40 horas. Tras os festexos da victoria do equipo gañador, será o turno dos equipos da Eusko Label Liga, que decidirá ao vencedor da VI Bandeira Cidade da Coruña e, en consecuencia, o gañador da terceira bandeira desta tempada na competición. En ámbolos casos, será a suma dos tempos nas dúas xornadas o que decidirá a clasificación final.