Friday 22 de November de 2024

As festas de María Pita recuperan as citas tradicionais, esténdense aos barrios e suman 16 concertos de grandes figuras


Inés Rey avanzou os detalles desta edición, que chega tras dous anos de espera para retomar as capacidades completas sen restricións e coa vontade de reactivación da actividade cultural e do sector turístico

No programa destacan os concertos de rock, pop ou música clásica das ‘Noites de María Pita’ e a ‘Semana Clásica’, así como o Noroeste Estrella Galicia, as festas nos barrios, exposicións como Viñetas desde o Atlántico, que cumpre 25 anos, propostas innovadoras como o Festival Independente de Rock Coruñés e citas clásicas co folclore, as habaneras, a música tradicional ou as actividades deportivas e familiares

James Blunt, Edurne, Texas, Carolina Durante ou Luis Fonsi son algunhas das grandes estrelas musicais que pasarán por María Pita este agosto

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe as Festas de María Pita 2022, nun acto no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, e pola artista autora da ilustración do cartel deste ano, Rebeca Losada.

A alcaldesa avanzou os detalles da programación das festas do verán, sinalando que, como cada evento realizado recentemente, chegarán impregnadas da “ilusión e a expectativa dunha capacidade completa, sen restricións, sen máscaras e sen ter que bailar sentados/as en ringleiras de cadeiras”. Destacou que o programa recolle a aposta do Goberno municipal pola calidade, a diversidade, a integración e unha combinación entre propostas innovadoras e citas xa clásicas do mes de agosto, que virá “cargado de propostas para todos os públicos, integrando os barrios e coa vocación de celebrar a recuperación da actividade cultural en todo o seu esplendor”.

A alcaldesa quixo felicitar a autora da ilustración que este ano preside o cartel das Festas de María Pita, Rebeca Losada, por reflectir “a ilusión, a diversidade, as cores do verán e a alegría que día e noite nos agarda, así como a vocación de proxección internacional da programación”. Tamén agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia nesta edición das festas, con motivo do Xacobeo, que permitirá ofrecer unha proposta ambiciosa e de gran calidade.

Respecto do programa, destacou os dezaseis concertos de pop, rock, ritmos latinos e música clásica na praza de María Pita, así como dous impresionantes espectáculos de maxia e ilusionismo, o Festival Noroeste Estrella Galicia, que este ano volve á praia; a recuperación da Batalla Naval ou as festas nos barrios, con propostas como o concerto de Heredeiros da Crus no marco das Festas do Castrillón.

Inés Rey tamén deu conta doutras propostas como os eventos deportivos, a programación para as familias, as exposicións, as feiras de artesanía e do libro, citas clásicas co folclore ou as habaneras e exposicións nas salas municipais e na rede de museos científicos e históricos como as casas museo de María Pita, Casares Quiroga e Picasso. Aproveitou neste punto para convidar as coruñesas e coruñeses a visitar o castro de Elviña, onde se conmemora o 75 aniversario do inicio das escavacións. Tamén felicitou o Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que cumpre 25 anos como referente nacional da banda deseñada.

A alcaldesa engadiu que o programa está deseñado non só para os coruñeses e coruñesas, senón tamén para as e os miles de turistas que visitan a cidade procedentes doutros puntos de Galicia, España e numerosos países. Neste sentido, reiterou que o turismo cultural é un dos eixes fundamentais da estratexia do Goberno municipal para apoiar a recuperación duns sectores moi castigados pola pandemia, como operadores turísticos, hostalaría, comercio, programadores, produtores e xestores culturais, artistas, técnicos ou salas de concertos. Para Inés Rey, o programa das festas deste ano “é un catalizador non só para resarcir o noso espírito festeiro, senón tamén para apoiar a reactivación económica e emprendedora do noso tecido empresarial e profesional”.

Noites de María Pita e Noroeste Estrella Galicia
Entrando xa nos detalles do programa, a alcaldesa comezou polo ciclo das “Noites de María Pita”, durante a primeira quincena de agosto. Ao concerto do cantautor británico James Blunt o día 1 sumaranse as actuacións de Edurne, Dani Fernández, Macaco con García MC e Nación Quilombo, Ilegales ou Ana Torroja. Destacou como unha das grandes citas en María Pita, sen limitacións de capacidade, o concerto da banda escocesa Texas, o espectáculo da xira “Los 40 Summer Live” e a proposta familiar “Esto es rock”, nun ciclo que rematará os días 15 e 16 cos concertos de Luis Fonsi e Carolina Durante.

A praza de María Pita acollerá tamén a Semana Clásica, con cinco concertos que abranguen o adianto da nova temporada da Sinfónica de Galicia, xunto coa Mirada Atlántica da Orquestra de Cámara Galega, a homenaxe a Nino Bravo da Banda Municipal con Serafín Zubiri e os mellores temas da factoría Disney coa Orquestra GAOS, nunha orixinal proposta que incluirá participación de público inscrito, que xa está ensaiando os temas.

Tamén actuará a Coral Polifónica El Eco, que acaba de recibir a medalla Castelao. A alcaldesa avanzou tamén que en próximas datas presentarase outro dos pratos fortes das estas, o Noroeste Estrella Galicia, que volve á praia do 10 ao 14 de agosto e tamén se estenderá a outros puntos emblemáticos da cidade, nunha grande aposta musical que estará aderezada con propostas como o Mercado da Colleita ou un mercado de discos en San Agustín.

Propostas innovadoras e clásicos do verán

Outro escenario destacado é o parque de Santa Margarida, que acollerá algunhas das propostas máis innovadoras do programa, como o Festival Independente de Rock Coruñés ou o Festival de Electrónica Coruñés. Tamén se realizará neste enclave a última fin de semana de agosto a tradicional romaría, coa gran noite do folclore, concertos de agrupacións e artistas como Milladoiro ou Mercedes Peón e obradoiros de danza e instrumentos.

A alcaldesa tamén se referiu a outras citas clásicas como o Festival Internacional de Folclore, con agrupacións de Bolivia, Guinea Bissau, México e Georgia, ou o Certame de Habaneras, coas corais máis destacadas da cidade e de distintos puntos de Galicia.

Respecto da programación específica para público familiar, abranguerá maxia, circo, humor, música ou teatro en distintos barrios da cidade. Entre as propostas figura o Festival Mundial de Ilusionismo, que traerá á cidade dous grandes espectáculos, o desafío extremo de Víctor Cerro, “El Ángel de la Muerte”, e a maxia de Jorge Blass, un dos grandes do panorama nacional. Ademais, volverá o circo da man do Festival Manicómicos, e as artes escénicas con Cascarillarte, que ofrecerá quince representacións por toda a cidade.

No eido deportivo volverá o Trofeo Teresa Herrera de Fútbol, o Circuíto nacional de volei praia, o rally Teresa Herrera de coches históricos, a Bandeira de Traiñeiras Teresa Herrera ou a travesía a nado á Enseada de San Amaro.

A alcaldesa tamén destacou que se instalarán de novo os puntos violeta, co obxectivo de celebrar as Festas de María Pita con seguridade e en igualdade. Distribuiranse por distintas zonas da cidade como O Parrote, praza de Pontevedra, Escravas e O Castrillón. Nestes espazos seguros, que tras a positiva experiencia en San Xoán se manterán en todos os eventos multitudinarios que se realicen na cidade, informarase a cidadanía en xeral e prestaráselles asesoramento e atención psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas relacionadas coa violencia sexual.