A Pobra do Caramiñal xa conta con tres puntos de compostaxe comunitaria situados na zona do Castelo (entre o edificio de usos náuticos e as pistas deportivas), do Caramiñal (a carón das pistas de Raquel Fernández Soler) e en Venecia (na contorna do paseo da Xunqueira). Trátanse de espazos que se elixiron por ser superficies de titularidade municipal, cun punto de auga, preto de núcleos densos de poboación e na proximidade de contedores destinados a outro tipo de residuos (vidro, papel, aceite…)
Estes colectores están xestionados por persoal municipal para controla-lo proceso da compostaxe e o correcto uso por parte da veciñanza.
As solicitudes de participación poden seguir presentándose no rexistro, tanto físico coma telemático, logo de cubri-lo documento pertinente. Ofrecerase formación, contacto para resolver dúbidas, caldeiro e as chaves dos contedores, pois permanecerán pechados para evitar que se depositen residuos que non corresponden.
A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), xunto coa técnica municipal desta área, Beatriz González, manifestou que isto exemplifica a firme aposta da Administración local por ampliar o proxecto da compostaxe no municipio, nesta ocasión, dirixido a persoas residentes en edificios e vivendas unifamiliares sen terreo, despois de que se completasen as tres campañas de autocompostaxe que se traduciron no repartimento de 160 depósitos a particulares. Animaron, polo tanto, á cidadanía a involucrarse neste novo formato.
A finalidade deste proxecto radica en fomenta-la sustentabilidade na xestión da materia orgánica na orixe, cuestión que redunda en beneficios medioambientais e económicos ó verse reducido o peso da fracción do resto depositada nos contedores xenéricos e, polo tanto, a cantidade de lixo para tratar por parte da Sogama.
A implantación da compostaxe comunitaria está financiada por unha subvención da cal resultou beneficiaria a Administración local, ó abeiro das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2019 e 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reduci-las emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan estatal marco de xestión de residuos (Pemar).